Tino Fernández leva o luns a Xunta de Goberno o novo convenio de colaboración entre o Concello e a Fanpa

33
  • O acordo, que terá unha vixencia de catro anos prorrogables, suporá un incremento de case 50.000 euros anuais con respecto ao anterior, pasándose de 210.000 a 258.000 euros ao ano
  • A Concellería de Educación constata que uns 1.100 nenos poderán beneficiarse diariamente dos servizos de comedor e Plan Madruga, 45 deles derivados de Benestar Social

O concelleiro de Educación, Tino Fernández, levará o luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación o novo convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa), que incrementará en case 50.000 euros anuais, de 210.000 a 258.000 euros, a cantidade que a Administración local viña destinando. O acordo, que terá unha vixencia de catro anos prorrogables, reforza deste xeito aínda máis o respaldo municipal ás Anpa na xestión e mantemento de servizos educativos complementario, esencialmente comedor e aula matinal (Plan Madruga), así como na realización de actividades educativas dirixidas á formación integral do alumnado e as súas familias e á conciliación da vida laboral e escolar. 

En base ao convenio, a Fanpa xestionará os comedores escolares de 18 centros educativos públicos de Pontevedra: os CEIP A Carballeira, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Barcelos, Cabanas, Campolongo, Froebel, Manuel Vidal Portela, Marcón, Parada (Campañó), Ponte Sampaio, San Bieito de Lérez, Santo André de Xeve e Vilaverde; o CEP Marcos da Portela, e os EEI Concepción Crespo Rivas e Fina Casalderrey. Entre as actividades extraescolares que serán financiadas pola Concellería de Educación poden incluírse, entre outras, xornadas de formación e actividades de adquisición de hábitos e habilidades socio-saudables para os nenos e as súas familias.

Tal e como sinala Tino Fernández, “o obxectivo final deste convenio é acadar a conciliación familiar, a integración cultural, a formación dos escolares en hábitos de vida saudables e a adquisición de habilidades sociais de convivencia baixo criterios de igualdade e solidariedade”. “Este acordo de colaboración -subliña o tenente de alcalde- é dunha importancia transcendental para o conxunto da comunidade educativa e da cidadanía, xa que dará de comer diariamente a uns 1.100 nenos do municipio e incrementará a cobertura de rapaces en risco de exclusión social, ao pasar as bolsas de nenos derivados dos Servizos Sociais municipais de 32 a 45 (poderán incorporarse ademais no mes de setembro, no lugar de facelo en outubro, como sucedía ata o de agora)”. 

Máis da metade irá para gastos de comedor

Segundo establece o convenio entre o Concello e a Fanpa, máis da metade dos 258.000 euros anuais consignados, un 56%, deberán destinarse a gastos de comedor, mentres que un 24% da contía cubrirá os gastos de xestión e un 20% as actividades complementarias. Non obstante, de existir causas que o xustifiquen, a Fanpa poderá solicitar formalmente a modificación destas porcentaxes, procedendo o Concello, no seu caso, á súa autorización. 

Á marxe da importante mellora que o convenio de colaboración supón a nivel económico, o concelleiro de Educación fai fincapé “no seu valor social, aínda moito máis relevante, nomeadamente nestes momentos tan complicados que estamos a atravesar”.

Ao estar esgotadas por lei as prórrogas do último acordo asinado entre o Concello e a Fanpa, sen que neste tempo se producisen ademais modificacións nos seus termos e condicións, o edil do PSOE considerou prioritario activar as conversas para negociar o contido do convenio ao pouco de tomar posesión como concelleiro.