O Concello activa as visitas para a instalación de composteiros individuais no rural

17
  • A comezos da vindeira semana, técnicos da Fruga visitarán as vivendas que xa dispoñen de composteiro pero que quedara sen instalar por mor das restricións derivadas do decreto do estado de alarma
  • As visitas concentraranse nas parroquias de Alba, cun 90% de composteiros repartidos sen instalar, e na de Lérez con preto do 50%

As concellarías de Xestión dos residuos orgánicos e de Coordinación do rural, xestionadas por Raimundo González Carballo e Alberto Oubiña respectivamente, activarán a partires de comezos da vindeira semana as visitas para a instalación de composteiros individuais nas viviendas unifamiliares do rural pontevedrés. Así, técnicos da Fruga, a entidade encargada do reparto e instalación dos COIN, visitarán aqueles domicilios nos que xa entregaran o composteiro pero que aínda non fora posible proceder á súa instalación antes do estado de alarma. 

Para realizar estas visitas, o persoal técnico irá provisto de EPI’s e actuará de acordo coas normas de seguridade esixidas para garantir a saúde tanto dos propios técnicos como das veciñas e dos veciños. Na altura do 16 marzo, día de inicio do estado de alarma, quedaran pendentes de instalación o 90% dos composteiros repartidos na parroquia de Alba e o 50% dos repartidos en Lérez.

Hai que lembrar que a veciñanza da parroquias do rural pode dispoñer dun composteiro individual totalmente de balde previa solicitude, no marco do programa de compostaxe do Concello. Tras a entrega do composteiro, un técnico da Fruga achégase ata o domicilio para explicarlle ou refrescarlle (no caso de que asistira ás charlas informativas que se celebraron en diversos puntos das parroquias desde o pasado outono) como se monta o composteiro, onde debe ser ubicado, como se usa, e cales son os residuos que deben ser compostados. O programa inclúe ademais un acompañamento de dous anos, de xeito que técnicos da Fruga fan un seguimento en todas as vivendas para comprobar que os parámetros do proceso son correctos, en cuestións relativas a temperaturas, ausencia de insectos ou incidencias puntuais. Ademais das visitas programadas, os técnicos están dispoñibles para resolver as dúbidas que lle poidan xurdir á persoa usuaria durante o proceso.

A posta en marcha da compostaxe individual nas parroquias do rural está incluída dentro do proceso de reformulación do servizo de recollida de lixo e tratamento dos residuos urbanos nos que está inmerso no Concello de Pontevedra. O obxectivo de todo este proceso, no que a compostaxe individual é unha peza capital, é cumprir coa lexislación europea vixente en materia de residuos, contribuír á protección do medio ambiente e mellorar, polo tanto, a xestión do lixo. Para este propósito, o Concello adquiriu 8.000 composteiros individuais co fin de dotar a cada unha das vivendas das 15 parroquias do rural.