#PonteLovers reparte entre os locais comerciais e de hostalería da cidade 500 packs de vinilos con indicacións de seguridade contra a Covid-19

88
  • A plataforma municipal Reinicia Pontevedra tamén distribuirá 1.500 carteis en tamaño A3 con estas normas e está a elaborar 4.000 guías coas medidas de hixiene e protección máis relevantes

A plataforma municipal Reinicia Pontevedra #PonteLovers iniciou hoxe o reparto gratuíto de 500 packs de vinilos con sinais e indicacións de seguridade contra a Covid-19 entre os establecementos comerciais e de hostalería da cidade. Esta sinaléctica, na que se recollen cuestións como o mantemento da distancia de seguridade de dous metros e a necesidade de que os clientes agarden a súa quenda, completarase nos vindeiros días coa distribución de 1.500 carteis en tamaño A3 que farán fincapé en normas básicas de hixiene e protección.

Tal e como avanzou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, a plataforma tamén está a traballar na elaboración dunha guía de 12 páxinas “que condensará toda a información relevante sobre a Covid-19, a hixiene persoal, o lavado de mans, as instrucións que se lle deben dar a persoal e clientes, o xeito de desprazarse de casa ao traballo…”. “Os protocolos, normas e recomendacións efectuadas dende as diferentes administracións -sinala a edil do PSOE- atópanse bastante espalladas e deslavazadas, o que complica que comerciantes, hostaleiros e empresarios accedan a elas con facilidade. Por este motivo, decidimos deseñar unha guía que as resuma dun xeito claro e conciso”.

Boa parte dos vinilos coas indicacións serán repartidos directamente, ‘porta a porta’, nos locais comerciais de Pontevedra, e tamén poderán recollerse no edificio do Concello (rúa Michelena, 30) e na sede da Concellería de Promoción Económica e Turismo, na Casa da Luz.

Yoya Blanco amosou a súa satisfacción coa “boa acollida que a plataforma Reinicia Pontevedra está a ter entre o tecido social e económico da cidade”, aglutinando “as demandas, ideas e propostas de todo o mundo” e servindo de “alicerce da recuperación das pemes, o comercio, a hostalería e o turismo”. Neste sentido, a concelleira destacou o feito de que a páxina de Facebook de #PonteLovers estea a piques de acadar os 3.500 seguidores en só catro semanas (900 en Instagram) e de que o vídeo #Sentidiño, lanzado coincidindo co inicio da desescalada, chegase ás 37.800 persoas alcanzadas na rede social (compartiuse 560 veces) e tivese 4.500 visualizacións na canle de Youtube co Concello de Pontevedra.