Reanúdanse as obras do campo de fútbol de Ponte Sampaio

36
  • O reinicio desta actuación chega despois dunha modificación do contrato, motivada pola inestabilidade do terreo na zona onde se proxecta o futuro edificio de vestiarios

Un mes despois da aprobación da modificación do contrato de obra do campo de fútbol de Ponte Sampaio, hoxe a Xunta de Goberno local asinou a conformidade á reanudación dos traballos. A portavoz do Goberno, Anabel Gulías lembrou que esta modificación do proxecto estivera determinado por un problema técnico relacionado coa inestabilidade do terreo na zona onde se proxectaba o futuro edificio destinado a vestiarios, o que supuxera a suspensión temporal da actuación.  

Convén lembrar que esta circunstancia, que non existía ou non puido ser prevista no momento da redacción do proxecto inicial, foi a que motivou, entre outras cuestións, a necesidade de gañar terreo escavando na rocha aproximadamente uns catro metros cara ao interior da parcela, así como a construción dun novo pozo ante a insuficiencia do pozo de barrena existente. Ademais foi preciso realizar excavacións para estabilizar o edificio de vestiarios, o que conleva o tratamento dunha das fachadas de dito edificio (que no proxecto orixinal quedaba conta o terreo) cun sistema exterior de illamento térmico. Esta excavación tamén implica unha intervención para asegurar o muro que delimita coa parcela colindante. A modificación inclúe, ademais, un incremento da drenaxe e a colocación de capas de grava e unha lámina xeotextil non previstas para solucionar os problemas derivados dun terreo situado nunha antiga xunqueira e para evacuar o importante caudal de augas procedentes da ladeira contigua. 

Esta modificación supuxo un incremento de 116.353,04 euros, o que supón un 10% do orzamento inicial que ascendía a 1.163.536 euros.