Rexistro e Padrón abren ao público coas citas previas para os dous primeiros días completas

218
  • Estes servizos prestaranse provisionalmente na Casa da Luz a partires do vindeiro luns e só atenderán previa solicitude de cita por teléfono
  • Recoméndase acudir á cita con mascarilla e luvas e resérvase un horario de atención preferente para persoas maiores de 65 anos entre as 13h e as 14h

As oficinas do Rexistro municipal e do Padrón de Habitantes xa están practicamente instaladas na Casa da Luz, onde comezarán a atender ao público o vindeiro luns. Esta máña, o alcalde e a concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, realizaron un visita para coñecer o estado do traslado destas oficinas, que xa contan cos postos de atención ao público instalados coas pertinentes distancias de seguridade e con mamparas de separación entre traballadores e público.

A principal novidade ante a nova situación provocada pola crise sanitaria é que estes servizos só atenderán a persoas que soliciten cita previa no teléfono 986 85 03 37. Neste sentido, o alcalde anunciou que as citas previas para os dous primeiros días, luns e martes, xa están totalmente completas. Fernández Lores situou estes cambios “na reorganización de oficinas municipais” necesarias a raíz da “epidemia sanitaria que estamos a sufrir en todo o mundo e tamén en Pontevedra e que está provocando moitas modificacións cara ao día despois, para que haxa unhas condicións de traballo seguras para todos os funcionarios e tamén para as persoas que se achegan ás oficinas municiais”. 

A Casa da Luz acollerá provisionalmente as oficinas de Padrón e Rexistro durante os dous meses que está previsto que duren os traballos de reforma da planta baixa de Michelena 30, que se está acondicionando para implementar todas as medidas de distancias de seguridade precisas. O alcalde tamén lembrou que proximamente se trasladarán ao edificio municipal de Ferreiros os servizos relacionados coas áreas económicas do Concello e con Urbanismo. A este respecto volveu insistir en que “estamos utilizando nestas obras provedores locais, estamos traballando con empresas de Pontevedra, con materiais de Pontevedra, instalando mamparas feitas en Pontevedra, porque ademais de reactivar a economía local tamén temos aquí tecnoloxía e innovación suficiente para atender as demandas da sociedade pontevedresa”. Tamén indicou que, ademais de tomar “todas as medidas necesarias para garantir a salubridade e evitar os contactos e a propagación do virus”, o Concello ten “avanzado moito na implementación da Administración electrónica para facilitar e axilizar a asistencia á cidadanía”.

Convén lembrar que as oficinas provisionais instaladas na Casa da Luz reservan un horario preferente para persoas maiores de 65 anos entre as 13:00 e aa 14:00 horas, que o acceso ao edificio debe realizarse de forma individual e mantendo sempre a distancia de seguridade de 2 metros con outras persoas, e que se recomenda acudir á cita con luvas e máscara. O aforo máximo permitido será de 20 persoas incluíndo ás e aos traballadores municipais.