Concello e tecido cultural da cidade irán da man para deseñar un novo escenario

167
  • O alcalde e a concelleira de Cultura mantiveron un encontro con representantes de disciplinas moi diversas co obxecto de botar a andar fórmulas que “vaian máis alá dun produto final e  que inclúan o proceso de creación”
  • O modelo urbano da cidade como vantaxe comparativa, o recoñecemento da cultura como actividade remunerada por parte do Concello, e a necesidade de crear unha rede estable de colaboración, entre as reflexións máis reiteradas 

Crear unha rede estable de colaboración, cun calendario de traballo e poñer en marcha algunha fórmula de acompañamento para novos proxectos culturais -que inclúa o proceso de creación-, foron as principais conclusións tras a xuntanza mantida esta mañá entre o alcalde, a concelleira de Cultura e 15 persoas procedentes de diversos sectores do tecido cultural pontevedrés. Tras o encontro, Miguel Anxo Fernández Lores manisfestou que “foi unha reunión moi produtiva, na que todo o mundo fixo achegas interesantes, e o máis importante de todo é que se quedou en seguir en contacto para colaborar porque entendemos que a Cultura forma parte das señas de identidade do país e da cidade, e  que ademais xera unha actividade económica fundamental, emprego e dinamismo”.

Pola súa banda, Carme Fouces asegurou que “non se trata de inventar senón de adaptar novos instrumentos que vaian máis alá de que se contrate un produto final desde o Concello, senón que se trata de pensar que todo leva un proceso de creación que é o que máis se resinte nesta situación”. Neste sentido, Fouces asegurou que “desde as limitacións que temos desde o Concello, queremos implicarnos cun acompañamento que vaia máis aló da exhibición e que inclúa tamén a creación” e para iso se deseñará un proceso para “sentarnos os distintos sectores, crear un calendario de traballo e financiar ese traballo”. Tanto o alcalde como a concelleira fixeron especial fincapé en que desde o goberno de Pontevedra sempre se fixo “un enfoque cultural moi diferente ao que se fixo noutras cidades e cremos que moi acertado, de feito o tempo deunos a razón”. 

Sobre este enfoque de aposta pola cultura propia e remunerada tamén se manifestaron as persoas participantes no encontro poñendo en valor que todos os traballos realizados para o Concello de Pontevedra durante o confinamento -a maioría a través do Salón do Libro para redes sociais- foron retribuídos, algo que non ocorríu desde outros Concellos que tamén demanban produtos online. Respecto da reconversión do Salón do Libro a formato virtual tamén se valorou moi positivamente a “capacidade de reacción por parte do Concello” e o referente que supuxo sobre como manter a programación, os contratos e o traballo cultural con dignidade. 

Sobre o novo escenario que se presenta tras o estado de alarma foron dúas as cuestións máis reiteradas: a necesidade de atraer ao público de volta aos espectáculos culturais de xeito seguro, e a vantaxe comparativa que supón o modelo urbano de Pontevedra para exhibir proxectos culturais no espazo público. Unha circunstancia que, tanto desde o Concello como desde o sector, se valorou como fundamental para recuperar a actividade cultural. A maiores, e sempre coa mirada posta nos posibles cambios en canto a aforos permitidos, Carme Fouces anunciou que a partires de xuño o Concello comezará a programar actividades de pequeno formato e con pouco público tanto no Teatro Principal como no Pazo da Cultura.

Tras esta primeira xuntanza, e co compromiso de crear unha rede de colaboración, o Concello elaborará un documento marco de cara a organizar o traballo co tecido cultural da cidade e sacar adiante as propostas máis acaídas. Na xuntanza desta mañá participaron Eva Mejuto, escritora e coordinadora do Salón do Libro; Montse Fajardo, escritora, membro da xunta directiva da AELG e coordinadora do programa ‘A memoria das mulleres1’; Tamara Andrés, poeta, tradutora e performer; Manuel Morquecho, responsable da extensión Cultural da UVigo no Campus de Pontevedra; Lola Dopico, directora de Esdemga; Ismael Calvo, de Ovo Publicidade; Gonzalo Maceira, músico do estudo-escola Bonobo; Suso Novás, co-director do Festival Novos Cinemas e programador cultural; Xaime Toxo, escritor e presidente do Ateneo de Pontevedra; Diego Parajó, de Xeneme, empresa de innovación social e cultural, que entre outros proxectos xestiona o Local de Música; Rafael Quintía, escritor, antropólogo e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega; Kiko da Silva, historietista, humorista gráfico e director da escola de cómic ‘O garaxe hermético’; Nee Barros, escritor; Enrique Martínez, director  do Coro de Campañó; Andrea Bayer de Baobab Teatro e directora do Festival Núbebes.