O espazo gastronómico do Mercado regresa con un aforo máximo do 40% e máis ‘sabor’ que nunca

93
  • A concelleira Yoya Blanco destaca a boa acollida da nova imaxe e dos itinerarios seguros deseñados. Catro locais do gastroespazo xa abriron ao público e outros dous o farán na fin de semana

O Mercado de Abastos de Pontevedra estreou esta mañá, coincidindo coa reapertura do seu espazo gastronómico, a nova imaxe e os itinerarios seguros da campaña ‘Sabores’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo. O gastroespazo regresa cunhas estritas normas de prevención contra a Covid-19, un aforo máximo de 100 asentos (un 40% dos 250 para os que ten capacidade) e uns novos carteis informativos, adhesivos e aplicacións colgantes que lembran as medidas hixiénico sanitarias e establecen os ‘roteiros’ internos de circulación.

Nesta primeira xornada abriron as súas portas ao público catro establecementos (Olmos Gastrobar, Bar La Plaza, Umami Poke e cervexería Nasa) e outros dous xa comunicaron a súa intención de facelo na fin de semana (Merluzateca e A Viñoteca). Ademais das restricións de aforo, estableceuse un único acceso polas escaleiras da entrada principal (cara a rúa Serra), empregándose as do lado dereito para subir e as da esquerda para baixar e quedando pechadas o resto de escaleiras do edificio. Unicamente pode utilizarse o ascensor da dereita, que ao igual que os aseos terá unha ocupación máxima dunha persoa. Colocáronse dispensadores de hidroxel tanto na entrada como nos aseos.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, desprazouse a media mañá ata as instalacións da rúa Serra para comprobar de primeira man “o cumprimento das normas establecidas e a excelente acollida da recén estreada imaxe”. Segundo avanzou, “a medida que se vaia progresando na desescalada irase ampliando o aforo e abriranse as portas laterais, pero seguiranse mantendo medidas de seguridade para protexer a vendedores e consumidores”.

“Convidamos a tódolos pontevedreses a achegarse ata o Mercado para consumir os produtos de primeira calidade da planta baixa, xa que, como reza o lema, ‘Aquí hai Sabores’, e por suposto para somerxerse neste ‘Camiño de Sabores’ e de praceres culinarios que nos ofrece o gastroespazo”, afirmou a edil do PSOE.

48 cadeiras para a terraza central e 24 para a galería

O departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco estableceu un aforo máximo de 48 cadeiras para a zona da terraza central, 24 para a da galería que dá á avenida de Bos Aires, 10 para cada unha das cafeterías (Olmos e La Plaza) e catro en cada un dos laterais adxacentes ás escaleiras de baixada e de subida (lindantes co Sete de Bastos e o Piada Romagnola). 

A nova campaña tradúcese nunha aposta visual chea de vida, optimista, colorista e desdramatizada, unificando ambos andares en base ao concepto de ‘Sabores’ e adaptando as mensaxes ás circunstancias que se derivan de cada actividade: para a hostalería trazouse un ‘Camiño de Sabores’, cun itinerario que os visitantes deben seguir nunha soa dirección para non cruzarse; e para as bancadas e postos de venda directa optouse polo lema ‘Aquí hai Sabores’.

Os adhesivos para o chan e as aplicacións colgantes teñen forma de corazón e un aspecto colorista, o que simboliza o estado de certa ledicia co que imos afrontar a nova normalidade.

O horario de atención ao público do gastroespazo será de 11:00 a 16:30 horas o martes, mércores e xoves, e de 11:00 a 16:30 e 19:00 a 00:00 horas o venres e sábado. A apertura atrasarase unha hora na xornada do domingo, na que os clientes poderán desfrutar dos establecementos abertos entre as 12:00 e as 16:30 horas.