A concelleira Paloma Castro estuda poñer en marcha unha liña de accións sociais específicas para os barrios máis vulnerables de Pontevedra

98
  • A edil encargou ás traballadoras sociais do Concello “a elaboración dun informe que permita coñecer a situación e necesidades reais de barrios sensibles á crise económica motivada pola pandemia”

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Paloma Castro, encargou ás traballadoras sociais do Concello “a elaboración dun informe que permita coñecer a situación e necesidades reais de barrios que poidan ser especialmente sensibles á crise económica motivada pola pandemia da Covid-19”. A edil do PSOE contempla que, en base aos resultados deste informe, o seu departamento poida implementar unha liña de accións sociais e axudas específicas para barrios máis vulnerables, como poden ser os de Monte Porreiro ou A Seca.

Consciente do impacto que o coronavirus tivo nas economías familiares, Castro considera imprescindible “estudar o alcance real do incremento de necesidades”, un traballo “que require a análise de datos sensibles e de carácter confidencial que só as profesionais municipais teñen capacidade para manexar”. A concelleira de Benestar Social lembra que o seu departamento leva investidos 177.580 euros en accións vencelladas á protección das persoas e familias con menos recursos contra os efectos económicos e sociais do coronavirus e tramitou recentemente unha modificación de crédito orientada a reforzar con outros 100.000 euros as Axudas de Emerxencia Social Municipal, para que as que xa existía unha consignación de 100.000 euros. 

“A Concellería dispón de 200.000 euros tanto para o conxunto das Axudas de Emerxencia como para as propias necesidades derivadas da crise sanitaria da Covid-19, para o que se aprobou unha liña específica de subvencións en especie dotada cunha primeira achega de 30.000 euros”, subliña a socialista.

Deste xeito, tal e como afirma Paloma Castro, “o Concello de Pontevedra está preparado economicamente para dar resposta ás demandas que se vaian plantexando, tanto de alimentos e de artigos de primeira necesidade como doutro tipo, en especial no que atinxe aos barrios máis vulnerables”. A socialista constata que o programa municipal Porta a Porta atende nestes momentos, en colaboración co Servizo de Deportes e o Banco de Alimentos, a 172 familias pontevedresas.

“Agradécese que o PP deixe de golpear as cazolas con paus de golf e axude por fin a enchelas de comida”

A concelleira de Benestar Social aplaude que, “despois dos máis de dous meses que o Concello leva traballando cóbado con cóbado co Banco de Alimentos, o comedor de San Francisco, a Asociación O Mirador de Monte Porreiro e outras oenegués para que a ninguén lle faltase un prato de comida durante esta pandemia, o PP decidise asoma-la cabeza e botar unha man cunha campaña de recollida de alimentos”. “Agradézolles que deixen de golpear as cazolas con paus de golf e axuden por fin a enchelas de comida. Agardo que caian da burra dunha vez e entendan que, á marxe das súas obras de caridade, o importante é a defensa de dereitos sociais, financiados con eses impostos que eles queren reducir”, afirma Paloma Castro.