O concelleiro Iván Puentes intensifica a súa ofensiva contra os coches abandonados declarando residuos sólidos urbanos unha vintena de vehículos

76
  • O edil ordena a retirada definitiva do Citroën ZX convertido en ‘chabola’ tralo Pavillón dos Deportes e asina outros oito novos requirimentos de retirada de vehículos das vías públicas

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, decidiu intensificar a súa ofensiva contra os vehículos abandonados nas vías públicas durante esta segunda fase da desescalada. O edil socialista ven de estampa-la súa sinatura sobre unha vintena de declaracións de automóbiles como residuos sólidos urbanos, ao tempo que incoou oito novos requirimentos de retirada de coches (e dunha moto) e ordenou á empresa Automociones Catoira SL a retirada definitiva do Citroën ZX situado tralo Pavillón Municipal dos Deportes (nunha parcela entre a avenida de Compostela e a rúa Fernández Cochón) “e que se acabou converténdose, primeiro en ‘chabola’, e co paso do tempo, nun pequeno vertedoiro”.

Tódolos expedientes emitidos dende o Servizo de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental do Concello e rubricados por Puentes iniciáronse a raíz de partes e denuncias presentados por axentes da Policía Local, a Policía Nacional e a Garda Civil entre xuño de 2019 e abril deste ano. Tal e como explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “nesta nova quenda dáselles un impulso a documentos de diversa índole que reflicten os trámites que a Administración debe seguir para proceder á retirada dun vehículo abandonado na vía pública: primeiro remíteselle un oficio ao propietario para requirirlle que, no prazo improrrogable de 15 días, proceda a retiralo ou a entregalo nun centro de tratamento autorizado ou instalación de recepción regulado; e no caso de que non se dea resposta a este requirimento nin se presenten alegacións, procédese á súa declaración e tratamento como residuo sólido urbano”.

O edil do PSOE fai fincapé no feito de que “varios dos expedientes incoados refírense a coches abandonados en dous focos concretos, que son o lugar de Meán (Os Praceres), nas inmediacións do cemiterio, e o lugar da Ponte do Couto (Salcedo)”. “Segundo puidemos comprobar, todos estes vehículos son propiedade de determinadas empresas, que parecen ter decidido empregar estes espazos para estacionalos, semella que de xeito permanente”, sinala Iván Puentes.

Os focos de Meán e Ponte do Couto

En concreto, os vehículos para os que o Servizo de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental emitiu as novas resolucións de declaración como residuos sólidos urbanos foron: un Honda SFX50, abandonado na Praza de Barcelos; un Peugeot Expert 1.9, no lugar de Barragáns (Campañó), á altura do kilómetro 1; un Seat Ibiza, en Mourente, á altura do km. 88,7 da N-541; un Peugeot 306, nas inmediacións do número 15 da rúa Augusto García Sánchez; un Fiat Punto, no lugar de Soutonovo (Campañó), próximo ao número 11; un Citroën C3, á altura do número 1 da rúa Raxado; un Opel Vectra, no número 3 de Amado Carballo; un Audi A3, no número 73 de Juan Bautista Andrade; un Renault Clio, no número 34 de Pintor Laxeiro; un Opel Astra, no depósito municipal; un Peugeot 206, no número 28 da rúa Padre Fernando Olmedo; e un Ford Focus, un Peugeot Expert Combi, un Chrysler Voyager, dous Renault Clio, un Fiat Seicento Van, un Opel Astra e un Fiat Ducato, todos eles no lugar de Meán (Os Praceres), nas proximidades do cemiterio.

No que atinxe aos requirimentos de retirada asinados por Iván Puentes nos últimos días, os turismos e camións son os seguintes: un Citroën C3, abandonado na rúa Alcalde Hevia; un Citroën C15, á altura do número 6 da avenida de Lugo; e un Ford Transit S-854, un Nissan L5009, un Nissan Eco T100 e dous Nissan L35.08, todos eles no lugar da Ponte do Couto, en Salcedo. Como curiosidade, Iván Puentes salienta que “un destes requirimentos ten que ver cunha moto Yamaha NXC 125 abandonada na rúa de Dinamarca (Monte Porreiro), algo que, se ben non acontece tan a miúdo como no caso dos coches, tamén se dá”.

“Salvo que os propietarios procedan a retiralos da vía pública, o destino de todos estes vehículos será o mesmo que o que, en breve, lle agarda ao Citroën ZX situado na parcela tra-lo Pavillón dos Deportes. A empresa Automociones Catoira encargarase de retiralo, de tratalo e de emitir os correspondentes certificados de descontaminación e destrución, dándoo definitivamente de baixa no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico”, indica o concelleiro.