A remodelación de Michelena 30 centra o primeiro convenio entre Concello e Deputación do mandato

50
  • Cun orzamento de 528.619,98 euros permitirá a reformulación da planta baixa, para acoller Rexistro e Padrón, e do segundo andar para a área de Intervención e un espazo que permita reunións presenciais

O alcalde de Pontevedra e a presidenta da Deputación asinaron esta mañá o primeiro convenio entre Concello e Deputación do mandato e tamén o primeiro convenio asinado presencialmente desde a aparición do Covid-19. Trátase do acordo mediante o cal se financian, cun orzamento que ascende a 528.619,98 euros, as obras de remodelación da planta baixa e do segundo andar das dependencias municipais de Michelena 30.

Miguel Anxo Fernández Lores aproveitou para agradecer “a axilidade na tramitación” do convenio e indicou que “se ben esta obra xa estaba prevista no proxecto de modernización da Administración, e xa tiñamos o proxecto para reordenar os espazos municipais moi avanzado, a Covid-19 fíxonos acelerar as actuacións”. Neste sentido, lembrou que a obra da planta baixa xa está en marcha, tras ser adxudicada polo procedemento de emerxencia, e que a do segundo andar se iniciará con carácter inmediato, posto que parte dos servizos que acolle están sendo trasladados ao edificio municipal da rúa dos Ferreiros.  

Pola súa banda, Carmela Silva asegurou que “este investimento non só redunda no Concello de Pontevedra porque ninguén pode negar que a atracción que ten esta cidade tanto para esta provincia como para o conxunto de Galicia, e tamén a nivel nacional e internacional, fai que sexa un verdadeiro investimento, que lle senta ben ao Concello pero tamén á provincia”. A presidenta da Deputación aproveitou, ademais, para felicitar ao alcalde “pola aposta por esta cidade amable que fai que sexa unha gran referencia a nivel internancional e despois de pasar a Covid-19 hai unha conciencia xa total de que o espazo público ten que ser para as persoas”.

O orzamento para as obras da planta baixa de Michelena 30 ascende a 226.119,98 euros e contempla a separación de accesos, cunha entrada específica para os servizos de Rexistro e Padrón de habitantes e outra para o resto das dependencias do inmoble; a individualización dos postos de traballo para respectar as distancias e posibilitar a atención de máis persoas en condicións de seguridade; a amplicación do espazo de espera; e a mellora os fluxos de circulación na planta. O remate destas obras está previsto para dentro de mes e medio e durante este período os servizos de Rexistro e Padrón estanse prestando na Casa da Luz baixo a fórmula da cita previa. 

O orzamento da remodelación do segundo andar ascende a 302.500 euros e contempla a reformulación da área destinada ao servizo de Intervención e da zona que ata o de agora ocupa o servizo de Xestión Tributaria -que se trasladará ao edificio de Ferreiros- onde se habilitará unha sala de reunións con capacidade para acoller presencialmente, e cumprindo coas distancias e medidas de seguridade, tanto Mesas de Contratación como Comisións e Xuntas de Goberno.