Benestar Animal pon en marcha unha campaña que advirte das multas que agardan aos que ‘fagan o avión’ coas deposicións das súas mascotas

197
  • Os carteis, que lembran as sancións de entre 100 e 500 euros que recolle a Lei para quenes non limpen os excrementos dos seus cans, serán instalados en diversas zonas verdes de Pontevedra 

Acompañada por voceiros e cans das asociacións protectoras Os Palleiros, Adopcións Galicia e Galgos 112 e o equipo creativo de Polo Correo do Vento (Enrique Mauricio, Carlos Taboada e a ilustradora Tania Solla), os concelleiros de Benestar Animal e Desenvolvemento Sostible, Paloma Castro e Iván Puentes, presentaron hoxe na Praza de España a campaña ‘Non fagas o avión’. A iniciativa pretende sensibilizar aos donos dos cans da obrigación legal e cívica que teñen de recoller as deposicións das súas mascotas no espazo público, advertíndolles das sancións de entre 100 e 500 euros que agardan a quenes non cumpran a Lei 4/17 de Protección e Benestar de Animais de Compañía.

O cartel deseñado para esta campaña por Tania Solla e Polo Correo do Vento segue a mesma liña estética que os que eles mesmos elaboraran para as de adopción de mascotas Cander e Miahoo, exhibindo neste caso a imaxe dun can sorrinte caracterizado de piloto aos mandos dun avión e portando unha bolsiña con excrementos. Tal e como lamentou Paloma Castro, “por desgraza, a insolidariedade, incivismo e pouca educación dalgúns fai que a estas alturas do conto aínda sexa necesaria unha iniciativa didáctica e coercitiva como esta”.

“Ter unha mascota implica unha gran responsabilidade ética e cívica. A campaña, ao igual que a lexislación, non se orienta contra os animais, senón que está dirixida a garantir a convivencia e a concienciar aos propietarios de que nin os xardineiros nin os demais cidadáns teñen por que pagar a súa mala educación. Existe entre algúns unha especie de uso e costume segundo o cal os cans poden deixar deposicións ou mexar en calquera parte e temos que reverter esta ‘normalización’ duns actos que son ilegais”, subliña a concelleira socialista.

Os carteis da iniciativa ‘Non fagas o avión’ serán instalados en diversas zonas verdes de Pontevedra empregadas por moitos donos para pasear aos seus cans, entre elas a Alameda de Montero Ríos, As Palmeiras, a Praza de Europa (en Monte Porreiro), as inmediacións da praia fluvial do Lérez, o parque de Amalia Álvarez, no contorno do río dos Gafos, os xardíns de San Francisco, a Praza de Valentín García Escudero e o parque de Pasarón.

Dereitos dos animais, obrigas dos propietarios

Paloma Castro asegurou que “o posicionamento da Administración local neste eido debe seguir sempre a filosofía de que os dereitos dos animais se complementen coas obrigas dos seus propietarios”, esixindo a estes últimos que cumpran “con responsabilidades tan básicas como limpar con auga a urina, recoller cunha bolsiña as deposicións e, no caso de que se trate de razas perigosas, levar aos animais atados e con bocal, segundo establece a Lei”. “Dado que algúns propietarios de cans teñen incluso os poucos escrúpulos de enfrontarse, ás veces en ton agresivo, aos conveciños que lles recriminan os seus insolidarios comportamentos, as multas poden resultar moi didácticas para quenes ‘fagan o avión’. Se os cidadáns detectan incumprimentos, deben chamar á Policía Local”, asegurou a concelleira de Benestar Animal.

O seu compañeiro de partido, o concelleiro Iván Puentes, lembrou que o modelo de cidade de Pontevedra “é un modelo amigable coas persoas, pero tamén coas mascotas e cos seus donos”, polo que, en paralelo a estas campañas de concienciación, “deben xerarse espazos específicos para que os animais poidan xogar con liberdade”. Por este motivo, o socialista subliñou que “a intención deste Goberno local é crear unha rede de parques caninos ao longo da cidade, o primeiro dos cales ocupará unha parcela de aproximadamente 4.300 metros cadrados nos antigos terreos de Tafisa e para o que imos destinar un investimento duns 48.000 euros”.

“Por mor da situación de desescalada na que nos atopamos, na que as zonas verdes teñen unha maior presión e afluencia de xente das habituais, decidimos deixar un prazo de tempo para que esa zona de Tafisa estea totalmente despexada e, tan pronto como a nova normalidade chegue ás nosas vidas, poremos en marcha esas obras do parque canino. Agardemos que en xullo poidamos comezar xa os traballos”, avanzou o edil de Desenvolvemento Sostible.

A presidenta da asociación Os Palleiros, Gloria Cubas, aplaudiu a iniciativa impulsada por Benestar Animal e fixo fincapé no feito de que “a culpa non é dos cans, senón da falta de conciencia dalgúns propietarios”. Pola súa banda, Quique Mauricio e Carlos Taboada precisaron que a campaña segue a mesma liña estética que Tania Solla empregou para as xa presentadas para incentivar as adopcións (Miahoo e Cander), “chamando a atención das persoas que non cumpren coa normativa a través dun lema sonoro e humorístico”.