Comezan as obras de reforzo da prioridade peonil na contorna da Alameda

21
  • A actuación inclúe calmado de tráfico e reordenación dos estacionamentos na rúa Alameda, e a reposición de pavimento e instalación de bolardos na contorna do edificio da Subdelegación do Goberno

Esta mañá deron comezo as obras de reforzo da prioridade peonil nos viais da contorna da Alameda e do edificio da Subdelegación do Goberno. Trátase dunha actuación enfocada principalmente a garantir os circuítos peonís nesta área, na que se ubican diversos servizos e espazos con gran afluencia de persoas como son a propia Alameda, o centro médico Virxe Peregrina, a parada de taxis, a facultade de Belas Artes, ou a praza de España.

Trátase en palabras do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, dunha obra de “precisión cirúrxica coa que se mellorará a seguridade viaria, a accesibilidade e se garantirá a preferencia peonil nas plataformas únicas que existen nesta contorna”. Está previsto que no tramo da rúa Alameda, entre a rotonda de San Roque e o centro médico Virxe Peregrina, se reorganice toda a zona de estacionamento. Deste xeito, alongarase a parada de taxis, que quedará no mesmo lugar que ocupa actualmente, seguido dunha zona de estacionamento destinada a uso da Universidade, e en terceiro lugar ubicaríanse as prazas de aparcadoiro para motos. Neste tramo de rúa tamén se reforzará a seguridade viaria coa instalación dun redutor de velocidade á altura da parada de taxis.

Mentres na contorna do edificio da Subdelegación do Goberno a actuación irá encamiñada a mellorar a accesibilidade e a protexer os circuítos peonís ante certos problemas de convivencia con vehículos que se detectaron nalgúns puntos. Nesta área procederase á reposición de pavimento e á instalación de bolardos tanto nun lateral do edificio, na rúa Doutor Enrique Marescot, como na parte traseira, na rúa Prudencio Landín Tobío. Así, a instalación de bolardos nestas dúas rúas evitará situacións detectadas con vehículos que estacionaban invadindo o espazo público destinado a peóns, de cara a reforzar a prioridade peonil coa que foron concibidas estas plataformas únicas.