Comezan as obras no novo acceso a Monte Porreiro

35

‣Os traballos neste vial, que contan cun orzamento de 1.137.280,50 euros, iniciaranse este luns e o prazo de execución é de 9 meses

‣ Esta vía mellorará a integración do barrio de Monte Porreiro na cidade, así como a mobilidade peonil e de vehículos nesta zona

O luns 8 de xuño está previsto que dean comezo as obras do novo vial de acceso a Monte Porreiro que teñen un prazo de execución de 9 meses. Trátase dunha actuación que, segundo lembra o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez “vai servir para achegar o barrio de Monte Porreiro á trama urbana e ademais vai contribuír a retirar tráfico innecesario da beira do río Lérez”.

Así mesmo, o concelleiro salienta que este acceso “se insire dentro dos novos viarios que se están construíndo na cidade, como é o caso do novo acceso a Montecelo e do novo vial de Mollavao que sumado a este, contribúen a retirar tráfico da malla urbana acentuando así o Efecto PO2 e a preferencia peonil.”

Este novo vial, de 605 metros, terá dous carrís de tráfico, de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros, e incluirá os parámetros de calmado de tráfico e de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil e ciclista propios do modelo Pontevedra.

A execución deste proxecto inclúese dentro do convenio asinado coa Deputación mediante o cal o organismo provincial se ocupou da expropiación dos terreos e o Concello asume o compromiso da execución da obra. Así, o orzamento do vial ascende a 1.137.280,50 euros, mentres que se se lle suman as expropiacións o orzamento total sitúase en 1.576.674 euros.

Convén lembrar, ademais, que estas obras contemplan unha intervención integral na zona dos Campos, que implica a reordenación de toda a área para mudar o actual tratamento de cruzamento nunha zona con carácter de praza pública.

Demetrio Gómez, concelleiro de Obras.