O mercadillo ambulante de Estribela regresa o vindeiro mércores 10 de xuño con 40 postos e as mesmas medidas de seguridade que o da Xunqueira

13
  • Promoción Económica establecerá catro itinerarios seguros de sentido único separados por valos e cinta, garantindo unha distancia frontal de 6 metros e lateral de 4 entre os postos

Co seu retorno a Rafael Areses, ampliando espazo e cunhas estritas medidas de seguridade, Pontevedra converteuse o pasado 16 de maio no primeiro municipio de Galicia en recuperar a actividade normal da súa feira ambulante. Tralos bos resultados acadados, a Concellería de Promoción Económica e Turismo tomou a decisión de abrir de novo ao público o mercadillo de Estribela o vindeiro mércores 10 de xuño, aplicando en Marqués de Valterra os mesmos protocolos e rigorosas normas de protección despregados para celebrar o da Xunqueira.

Seguindo a mesma filosofía de “ou todos ou ningún” aplicada no de Rafael Areses, o departamento que dirixe Yoya Blanco traballou durante os pasados días no deseño dun plano que recolle a instalación dos 40 postos desta feira, establecendo catro treitos separados por valos e cinta e sentido único de circulación. Estes itinerarios seguros contarán con sinais indicativos tanto na avenida Marqués de Valterra como na pista polideportiva e estarán controlados por dous vixilantes que se encargarán de garantir o cumprimento das medidas de prevención.

Os postos manterán entre eles unha distancia frontal de 6 metros e unha lateral de 4 metros, dotaranse de solucións de xel hidroalcohólico as zonas de acceso e instalaranse carteis con información sobre as normas de hixiene. Yoya Blanco explica que o Concello colocará a primeira hora do luns a sinalización de reserva de prazas de estacionamento coa lenda ‘Prohibido estacionar das 15:00 horas do martes 9/06/2020 ás 16:00 horas do mércores 10/06/2020 por mercadillo’. O pintado do chan producirase na xornada do martes.

En opinión da concelleira socialista, coa recuperación da feira ambulante de Estribela “imos dar un pasiño máis cara esa ansiada normalidade, cun mercado que os veciños xa estaban a demandar e que conta con moitos incondicionais”. “Teño que aplaudir o magnífico traballo realizado polos técnicos do Servizo de Promoción Económica -subliña Blanco-, xa que Pontevedra foi pioneira na reapertura do seu mercadillo e as medidas de seguridade que aplicamos están a servir de referente para outros concellos, entre outros o de Redondela”.