Un 63% dos usuarios que pasaron polos albergues de Raíña da Paz e o Pavillón Multiúsos da Xunqueira leva máis de tres anos vivindo na rúa

9
  • A memoria elaborada polos Servizos Sociais do Concello constata que un 17% das persoas acollidas nos albergues provisionais durante o estado de alarma presenta problemas de alcoholismo
  • Paloma Castro subliña a importancia destes albergues durante a pandemia, xa que a meirande parte dos seus usuarios, un 72%, non acudía antes a centros como os de Cáritas e Calor e Café

Un 63% das persoas que pernoctaron nos albergues de Raíña da Paz (Salcedo) e o Pavillón Multiúsos da Xunqueira durante o estado de alarma leva máis de tres anos vivindo na rúa e un 19% entre un e tres anos. Así o reflicte a memoria de actividade elaborada pola Concellería de Benestar Social sobre os 76 días que os centros de acollida provisionais permaneceron abertos e nos que se atendeu a 58 usuarios cunha media de idade de 46 anos (tendo 72 anos o de máis idade e 19 o máis novo), 52 deles homes e 6 mulleres, cunha media por persoa de 33 días aloxados (houbo catro que estiveron os 76).

A responsable do departamento municipal, Paloma Castro, subliña a importancia que estes albergues tiveron durante a crise sanitaria da Covid-19, destacando que só o 28% do total de usuarios viña derivado dos centros de Cáritas e San Vicente de Paúl, “o que significa que a meirande parte, un 72%, son cidadáns que non soen acudir aos recursos creados para cubrir as súas necesidades e, polo tanto, que estes albergues foron capaces de chegar a eles nunha situación de máxima necesidade”. Non obstante, os albergues tiveron derivacións doutros recursos sociais e sanitarios, como os centros hospitalarios da cidade ou a Unidade Asistencial de Drogodependencias.

Paloma Castro lembra que a súa apertura prodúxose pola excepcional situación motivada pola pandemia da Covid-19, que obrigou a pechar as instalacións de Cáritas e de Calor e Café, coa finalidade de garantir que as persoas sen fogar cumprisen co confinamento decretado a nivel nacional. O 17 de marzo habilitouse o albergue provisional de Raíña da Paz, cedido pola Diócese de Santiago e xestionado por Cáritas e San Vicente de Paúl en colaboración co comedor de San Francisco e baixo a coordinación do Concello (que contratou os servizos de seguridade, limpeza e lavandería).

Un único caso positivo por coronavirus

O 26 de marzo detectouse un caso positivo de coronavirus que obrigou a poñer o centro en corentena e a activar un dispositivo especial de desinfección das instalacións en coordinación coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, asegurando que as persoas que estaban no albergue cumprisen as medidas sanitarias. “Conseguiuse -sinala Castro- que a Covid-19 non se estendera e, tres semanas despois de dar positivo, o usuario volveu ao albergue xa curado”.

Debido a que as instalacións de Raíña da Paz non podían acoller a máis usuarios, o Concello abriu o día 8 de abril o Pavillón Multiúsos da Xunqueira, que foi preparado para funcionar como albergue polo persoal do Servizo de Deportes. A Concellería de Benestar Social correu cos gastos de seguridade e limpeza e contratou para a súa xestión á Cruz Vermella, cuxo voluntariado desempeñou un gran labor na programación de actividade de lecer.

O domingo 10 de maio, ao avanzar nas fases de desescalada, procedeuse á unificación de albergues, trasladando a tódolos usuarios de Raíña da Paz ao Pavillón da Xunqueira.

A alimentación foi cuberta polo comedor de San Francisco no que atinxe ás comidas e por Cáritas nas cenas e días festivos. Os almorzos foron prestados polo Concello grazas a un donativo de alimentos de Supermercados Froiz, mentres que as necesidades de roupa foron atendidas por Cáritas e os gastos de farmacia por Cáritas e Cruz Vermella. San Vicente Paúl tamén colaborou na alimentación coa compra de produtos especiais para dietas.

Cando o albergue pechou as súas portas estaban usando este recurso 23 persoas, das que 16 foron derivadas aos albergues de Cáritas e de Calor e Café, que abriron ao 50% da súa capacidade. O resto de usuarios alugaron pensións e habitacións en pisos compartidos ou regresaron aos seus lugares de orixe.

Tal e como sostén Paloma Castro, “o traballo cos máis vulnerables non rematou co peche do albergue”, xa que “a excelente coordinación de tódalas entidades participantes creou canles que repercutirán na mellora das oportunidades das persoas usuarias” e permitiu efectuar entrevistas sociais con todos eles “para valorar ás súas necesidades e seguir adiante cos avances realizados”.

A metade deles vive da mendicidade e ningún ten traballo

A memoria dos Servizos Sociais pon de manifesto que un 33% dos usuarios dos dous albergues provisionais foron estranxeiros, procedentes de países como Italia, Portugal ou Romanía, así como do continente africano. Unha enquisa levada a cabo co participación de 27 persoas usuarias reflectiu que un 52% están solteiros e o 33% separados, o 100% desempregados, o 50% viven da mendicidade, o 21% percibe algunha prestación social (como a Risga), o 19% cobra unha pensión (non contributiva, de invalidez…) e un 10% recibe axuda do seu contorno familiar.

Un 32% dos enquisados manifesta que non ten ningún problema de saúde, o 27% ten afeccións como diabetes ou hipertensión, o 17% indica que presenta problemas co alcohol e o 7% con outras drogas e un 17% sufre problemas mentais. As malas condicións de saúde desta poboación púxose de manifesto en que, durante os 76 días nos estiveron abertos os albergues, se tivo que chamar case unha trintena de veces ao 061 para que atendera a algún dos usuarios.

No eido sanitario, débese destacar tamén que un 40% non toma a medicación prescrita para tratar as súas patoloxías e que un 32% dos usuarios non dispón de tarxeta sanitaria. Un 25% manifestaron que foran vítimas dalgún delito por estar na rúa (roubo, agresión…). A case totalidade das persoas asistidas demanda unha atención integral e personalizada, que atenda á súa situación sanitaria, económica e social, e o 73% valora como boa ou moi boa a atención recibida nos albergues habilitados polo Concello durante a pandemia.