As obras de reposición de firme continúan pola Praza de Galicia

17
  • O mércores procederase a rehabilitar a capa de rodadura no tramo da parada de autobús, que será trasladada provisionalmente á zona norte da praza
  • O luns actuarase no tramo da rúa Fernando II, previsto para a semana pasada e que quedara pendente por mor dun problema técnico

As obras de reposición de firme continuarán esta semana tras solventarse un problema técnico na maquinara empregada por parte da empresa adxudicataria e que fixo necesario variar o calendario previsto. Así, o luns procerase a rehabilitar o tramo da rúa Fernado II, no treito entre Pintor R. Alonso e Fernando III O Santo, que permanecerá pechado ao tráfico durante toda a xornada agás para a entrada e saída de garaxes. Esta actuación quedara pendente desde finais da semana pasada. 

A seguinte actuación terá lugar o mércores, 10 de xuño, no tramo da praza de Galicia no que se sitúa a parada de autobús. Os traballos implicarán o traslado provisional da parada de bus á zona norte da praza, para o que se habilitará a entrada de autobuses pola rúa Alcalde Hevia. Durante a xornada, entre as 8h e as 20h, cortarase o tráfico na rúa Augusto García Sánchez, no treito comprendido entre a rúa Xeneral Rubín e a praza de Galicia,  e só se permitirá o acceso a garaxes e servizos. 

Estes traballos de rahabilitación da capa de rodadura en puntos nos que se ten detectado algún tipo de deterioro están incluídos no contrato de mantemento de espazos públicos urbanos, e teñén por obxectivo que todos os viais da cidade estean en condicións óptimas ante a incorporación do volume de tráfico rodado habitual.