O Concello realiza traballos de mantemento nos restos arqueolóxicos da praza de Valentín García Escudero

11
  • A vindeira semana procederá a revisar a consolidación das estruturas arqueolóxicas que se conservan neste espazo

Esta semana veñen de rematar os traballos de limpeza dos dous espazos arqueolóxicos da cidade, os conxuntos da praza de Valentín García Escudero e do Campiño de Santa María, e ao longo da vindeira está previsto que se acometan labores de mantemento da consolidación do conxunto da praza de Valentín García Esudero.

Os traballos de mantemento da consolidación van orientados a revisar tanto os elementos de apuntalamento que sosteñen as estruturas como as propias estruturas, que se corresponden cos vestixios da Ponte do Burgo medieval, un tramo da muralla do século XVI e o malecón portuario do XV. Estes traballos de mantemento realizaranse empregando morteiro de cal e permitirán que o conxunto arqueolóxico se manteña en boas condicións tanto de conservación como de visibilidade.

Trátase dunha actuación que se programa de xeito periódico, ao igual que os traballos de limpeza. Estes últimos realízanse, na súa maior parte, exclusivamente de xeito manual e baixo a supervisión e indicacións do técnico municipal de patrimonio cultural, co obxectivo de non provocar ningún tipo de alteración nos distintos muros de ambos conxuntos.  Alimpeza afecta tan só ás propias estrutruas arqueolóxicas e á contorna máis inmediata, e consiste na retirada de vexetación e na limpeza manual.