Os ENIL da Xunqueira de Alba e Os Gafos disporán de nova sinalización con datos e imaxes sobre os seus roteiros, fauna, flora, patrimonio e historia

39
  • O Servizo de Medio Ambiente Natural e a consultora Equilátero dotarán a ambos espazos naturais dunha decena de paneis informativos, incluíndo catálogos de aves e bolboretas

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural dotará aos ENIL (Espazo Natural de Interese Local) da Xunqueira de Alba e o río dos Gafos dunha nova sinalización que exhibirá datos e imaxes sobre os seus roteiros, patrimonio, historia e diversidade de flora e fauna. O Servizo Municipal de Medio Ambiente contratou á consultora especializada Equilátero para elaborar a completa información da decena de paneis explicativos que se instalarán nestes contornos naturais e que contemplan catálogos de aves, plantas e bolboretas.

En concreto, colocaranse tres paneis grandes, dun metro de longo por 1,5 de ancho, e dous pequenos, de 0,5 metros de longo por un de ancho, no ENIL da Xunqueira de Alba, e dous grandes e tres pequenos (coas anteditas dimensións) no do río dos Gafos. Fotografías e material ilustrativo contribuirán a divulgar unha completa escolma de contidos entre os que se inclúen datos de carácter xeral, características dos roteiros e os ecosistemas, número de especies, evolución histórica…

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, asegura que a nova sinalización “contribuirá a poñer en valor e divulgar os tesouros agochados nestes privilexiados espazos naturais encadrados en pleno corazón de Pontevedra”. “Queremos convidar á cidadanía a descubrir un roteiro de 4 quilómetros polos ecosistemas da Xunqueira de Alba, que agocha máis de 170 especies de plantas, 43 de bolboretas diúrnas, 14 de odonatos, 10 de anfibios, 7 de réptiles, 133 de aves e 13 de mamíferos; e outro de 7,5 quilómetros polo ENIL do río dos Gafos, no que están catalogadas 180 especies de plantas vasculares (fentos e fanerógamas), 11 de anfibios, 11 de réptiles, unha grande cantidade de insectos (entre eles máis de 50 especies diferentes de lepidópteros, 16 de odonatos e 35 de coleópteros), 92 especies de aves e 20 de mamíferos”, apunta o edil socialista.

No caso da Xunqueira instalaranse dous paneis grandes con información xeral e un co roteiro por ecosistemas, un pequeno sobre as aves do ENIL e un sobre a historia deste espazo, cuxa superficie abrangue 67 hectáreas repartidas esencialmente en bosque de ribeira e en tres zonas húmidas: a marisma da Xunqueira de Alba (48,13 hectáreas), a Charca do Burgo (1,24) e a Charca da Xunqueira (0,60). Entre a súa diversidade de flora e fauna cabe mencionar á bolboreta euphydryas aurinia, catalogada como de interese comunitario na Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade; a donceliña de mercurio, unha especie tamén incluída na citada lei; a rá patilonga e a rela común, anfibios catalogados como vulnerables dentro do Catálogo Galego de Especies Ameazadas; a folosa acuática, ave globalmente ameazada, e a lontra (lutra lutra), catalogada como especie de interese comunitario, para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais e unha protección estrita.

Os tesouros do Gafos: lontras, garzas, falcóns ou martiños

No que atinxe ao ENIL do río dos Gafos, colocaranse un panel grande de información xeral e outro co roteiro de 7,5 quilómetros e tres pequenos sobre o seu patrimonio, as súas especies de bolboreta e as súas plantas, respectivamente. Entre os exemplares máis valiosos deste espazo natural de aproximadamente 47 hectáreas de superficie (dende o comezo da senda fluvial na rúa Otero Pedraio ata o límite co concello de Vilaboa) destacan plantas como o narcissus cyclamineus, incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de vulnerable; anfibios con diferentes niveis de protección como o sapo corrigueiro, a rá das veigas, a píntega rabilonga, a estroza, a rá patilonga e o limpafontes verde; réptiles como o lagarto das silvas e a cobra lagarteira común; aves como a garza denoiteira, a garza imperial, o miñato queimado, o falcón peregrino, a avenoiteira cincenta, o martiño peixeiro e a papuxa montesa, e mamíferos como a lontra.

Tal e como explica Iván Puentes, a Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou unha achega duns 3.000 euros á contratación da consultora Equilátero para compilar e elaborar toda a información que se recollerá nos paneis.