O Concello avanza na creación dun sistema propio de teletraballo

61
  • Reforza o servizo de Informática para implementar ferramentas telemáticas tales como un sistema de información xeográfica, asistencia por video conferencia e cita previa informatizada
  • O reforzo contempla a incorporación a de dúas persoas ao servizo por un período de tres anos

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a memoria elaborada polo servizo municipal de Informática na que se detallan os obxectivos de traballo a longo prazo e que motivan a incorporación de dúas persoas ao equipo por un período de tres anos. Entre os obxectivos descritos destacan a creación dunha plataforma propia de teletraballo, un sistema de información xeográfica e a implentación de asistencia por videoconferencia e de cita previa informatizada. 

Este reforzo de medios persoais enmárcase, tal e como explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías “na liña traballo encamiñada a modernizar a Administración local e mellorar e axilizar a atención ao cidadán que, hoxe en día, vén da man do emprego de novas ferramentas tecnolóxicas ou telemáticas”. Anabel Gulías indicou que esta liña de traballo, iniciada xa a comezos deste mandato, se veu reforzada tras a crise sanitaria, posto que “cambiou a forma de relacionarnos, entre os traballadores e traballadoras do Concello e tamén na atención ao cidadán, e fixo necesario marcar unha nova reorganización de todo o servizo”.

A portavoz do Goberno municipal adiantou que o proxecto que detalla a memoria aprobada esta mañá se basea en tres aspectos:

  1. A mellora da seguridade e usabilidade de ferramentas telemáticas, implantadas con software libre durante o estado de alarma ocasionado polo Covid-19. Así, tras o esforzo realizado durante a alerta sanitaria para desenvolver un sistema de traballo a distancia con control remoto desde o Concello, continuarase profundizando neste  proceso para garantir tanto a seguridade como a avaliación e o rendemento.
  2. A renovación tecnolóxica e crear unha plataforma propia de teletraballo. A necesidade de contar cun proxecto piloto teletraballo evidenciouse durante o estado de alarma, polo que se desenvolverá un proxecto propio  que  implique unha mellora das condicións de seguridade: acceso por VPN con dobre factor de autenticación, mellorar do encriptado das comunicacións, e emprego de equipos xestionados polo Concello e que non dependan de equipos persoais dos traballadores e traballadoras municipais. A isto, sumaríaselle a implementación de sistemas de asistencia ao administrado por videoconferencia, e o sistema de cita previa informatizadoque permita xestionar mellor as quendas e os tempo.
  3. A creación dun sistema de información xeográfica propio. Trátase de acadar un conxunto de aplicacións informáticas que melloren a xestión de datos referenciados epara que poidan ser visualizados en mapas e en planos. Este sistema crearase a  partires dun traballo previo que se leva realizando cnxuntamente desde os servizos de Padrón, Topografía e Informática. En grandes liñas, este sistema permitiría actualizar toda a cartografía municipal e referenciar elementos patrimoniais, para facelos accesibles a toda a cidadanía.