Pontevedra anima á cidadanía a xogar coas manciñas co gallo do Día Nacional da Lingua de Signos

139
  • Un concurso virtual, vídeos de sensibilización e a iluminación da Casa Consistorial e o Pazo Provincial de cor turquesa forman parte das accións organizadas por Concello, Deputación e Xoga polo 14 de xuño

Promover entre os escolares de Educación Infantil e Primaria o coñecemento da comunidade con diversidade sensorial (persoas xordas, xordocegas e con perda auditiva), subliñar o valor das linguas nais (lingua de signos e lingua galega) e fomentar as capacidades artísticas e literarias son os principais obxectivos do concurso ‘Xoga coas Manciñas’, organizado polo colectivo Xoga en colaboración coa Concellería de Benestar Social e a Deputación co gallo do 14 de xuño, Día Nacional da Lingua de Signos. Entre as accións deseñadas en torno a esta xornada tamén se contemplan a colocación dunha pancarta no balcón da Casa Consistorial e a iluminación de cor turquesa do Consistorio e o Pazo Provincial dende a noite do xoves ata a mañá do luns, así como a publicación de vídeos de sensibilización a través de redes sociais baixo os lemas ‘É lingua, non linguaxe’ e ‘Eu amo a lingua de signos’ tanto o sábado como o domingo.

As actividades conmemorativas foron presentadas hoxe no Concello de Pontevedra nunha rolda de prensa que contou coa participación da presidenta de Xoga, María Jesús Monterde; a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, e a deputada provincial Olga García Ballesteros. Tal e como explicou Monterde, debido á situación de alerta sanitaria motivada pola Covid-19, a programación do Día Nacional da Lingua de Signos “desenvolverase en boa medida a través de redes sociais e de forma virtual”.

Con tal motivo, tiveron que modificarse as bases do concurso ‘Xoga coas Manciñas 2020’, de xeito que calquera alumna ou alumno de Infantil e Primaria puidese participar a pesar da situación de confinamento. Así, os participantes tiveron que enviar un retrato dunha personalidade relevante con diversidade sensorial en tamaño A4, puidendo utilizar técnicas artísticas como acuarela, témpera, lapis, colaxe… No caso do alumnado de Primaria, o retrato debía estar acompañado dun breve relato descritivo sobre a personalidade retratada, cunha extensión máxima dun folio A4 e redactado en lingua galega (nenos e nenas con diversidade sensorial e usuarios da lingua de signos podían substituír o texto escrito por un relato signado cun vídeo dunha duración máxima de 5 minutos).

Un xurado formado por representantes do Concello, a Deputación e persoal técnico e directivo de Xoga reunirase telematicamente este mércores ás 11.00 horas para decidir, mediante votación, os nomes do estudantes gañadores. Entre os aspectos que se valorarán atópanse a idoneidade da elección da personalidade retratada, a calidade artística do retrato e a corrección lingüística do relato descritivo. 

Os centros educativos dos alumnos galardoados recibirán como premio un contacontos ou obradoiro de lingua de signos gratuítos. A entrega de premios producirase o venres 12 de xuño ás 12.00 horas nas redes sociais da Deputación de xeito virtual.

Sorteo dun curso de lingua de signos nivel A1

Coa finalidade de sensibilizar á cidadanía de que ‘É lingua, non linguaxe’, tanto o sábado 13 como o domingo 14 de xuño publicarase cada hora a través de redes sociais un vídeo de diferentes persoas con diversidade sensorial dicindo en lingua de signos o seu nome e o significado desta lingua para eles. Tamén se empregarán as redes para publicar un sorteo dunha praza gratuíta para un curso de nivel A1 de lingua de signos de 60 horas de duración para maiores de 16 anos que vivan en Galicia. “Os que queiran participar deberán ser seguidores de @organizacionxoga -apuntou María Jesús Monterde-, dar un ‘me gusta’ na publicación do sorteo, mencionar a tres amigos nos comentarios e compartir nos seus perfís. O nome do gañador/a anunciarase o domingo día 14 de xuño ás 17.00 horas”.

Asemade, a presidenta provincial, Carmela Silva, as deputadas Olga García Ballesteros e María Ortega e os concelleiros de Benestar Social e Normalización Lingüística, Paloma Castro e Alberto Oubiña, participarán nun vídeo expresando en lingua de signos o lema ‘Eu amo a lingua de signos’, que tamén será difundido por redes sociais durante a fin de semana.

A presidenta de Xoga asegurou que “se a discapacidade das persoas con diversidade sensorial xa resultaba invisibible, co confinamento aínda máis”, de aí o seu “empeño en celebrar este día incluso coas dificultades derivadas desta situación”. María Jesús Monterde lembrou que a lingua de signos “é cooficial do Estado dende 2007” e animou a todo o mundo a aproveitar as restricións da alerta sanitaria para aprendela.

Olga García Ballesteros constatou que hai 16.000 persoas con problemas sensoriais e 8.000 con diversidade sensorial na provincia de Pontevedra e que ata un 98% das persoas xordas de España usa lingua de signos para comunicarse. Pola súa banda, Paloma Castro agradeceu a Xoga o labor complementario coa que está a axudar ao Concello a informar de cuestións como as axudas que se prestan dende Servizos Sociais e ratificando o seu compromiso con programas como o de Manciñas (de aprendizaxe infantil de cancións con lingua de signos) e Saúde e Vida (para persoas maiores de 65 anos), que se trasladarán ao mes de setembro.

“A crise é unha oportunidade para deseñar unha sociedade máis xusta e adaptada ás necesidades das persoas con diversidade sensorial”, subliñou a edil do PSOE.

Sen centros de día nin servizos de mediación

Tanto Paloma Castro como María Jesús Monterde denunciaron as dificultades que as persoas xordas e xordocegas maiores de 65 anos dos centros de día e residencias están a padecer durante esta crise sanitaria, xa que “os servizos de mediación non teñen a posibilidade de acceder a elas nestes momentos”. A concelleira de Benestar Social esixiulle á Xunta de Galicia que reanude a actividade dos centros de día, xa que “resultan fundamentais para estas persoas e para que as súas familias poidan conciliar”.