O novo vial a Monte Porreiro e o núcleo de centralidade dos Campos suman un investimento de 2.300.000 euros

59
  • Contempla as novas oficinas do GDR, o centro social dos Campos e o acceso a Monte Porreiro, que vén de iniciarse esta semana
  • Esta intervención, que parte desde a beira do río ata os Campos, permitirá achegar o barrio de Monte Porreiro á trama urbana da cidade e mellorar a seguranza viaria e calidade urbana en toda a área

As obras do novo vial de acceso a Monte Porreiro e o núcleo de centralidade dos Campos, a colocación de leds no pavimento da ponte do Burgo, e a rehabilitación do firme da rúa Doutor Fleming centraron o seguimento das principais intervencións en marcha na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos. 

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez informou pormenorizadamente sobre as obras do novo acceso a Monte Porreiro, que veñen de comezar esta semana, e que dan inicio ao novo núcleo de centralidade dos Campos. Unha intervención á que se destina un orzamento de 2.287.118,9 euros, dos cales 471.248 corresponden ao local social dos Campos, 373.964,64 ás oficinas do GDR, e 1.441.906,26 ao acceso a Monte Porreiro (439.393,50 euros corresponden a expropiacións e 1.002.512,76 a obra civil). 

Segundo indicou Demetrio Gómez esta intervención “consiste en facer a conexión de Monte Porreiro coa malla urbana da cidade, urbanizando toda esta zona coas características urbanas do modelo Pontevedra”. Explicou que o novo vial comeza practicamente na beira do río e remata no futuro núcelo de centralidade, o que permitirá conectar a cidade co propio barrio de Monte Porreiro, coa UNED, o novo Centro Social dos Campos-Mourente e as novas oficinas do GDR. Tamén adiantou que a previsión é que as obras completas estean rematadas para mediados de 2021. 

“O obxectivo é dotar a Mourente, como ao resto das parroquias, dun núcleo de centralidade para que os veciños teñan un espazo público de altísima calidade construtiva onde compartir a súa vida” sinalou Demetrio Gómez. Neste sentido, asegurou que o obxectivo de dotar ás parroquias de núcleos de centralidade “é algo que estamos avanzando en Pontevedra e, que saibamos, non se está facendo en ningún outro sitio con estas características de tráfico calmado, de servizos e ao redor do centro social, que é onde se fai a vida comunitaria”. 

En relación á obra do Burgo, o concelleiro informou que está avanzando a bo ritmo e que nesta semana se procederá á colocación de leds no pavimento. Mentres que na rúa Doutor Fleming a intervención de rehabilitación integral do firme comezará mañá e quedará rematada nesta mesma semana. Demetrio Gómez explicou que se trata dunha actuación que afecta a 140 metros de vial, que será realizada por unha empresa de Pontevedra e que ten un orzamento de 15.420 euros. Sinalou, ademais que responde “a unha inquedanza que viña manifestando a veciñanza desde fai tempo”