O Congreso Atlántico de Marketing Dixital Flúor regresa en formato online e con máis de 25 relatores

31
  • No evento, patrocinado pola Concellería de Promoción Económica, participarán directivos de Google, Dropbox, Ikea, Telefónica, Estrella Galicia, Heineken, Sony, Prisa, A3 Media ou La Liga
  • Está promovido polo Clúster de Comunicación de Galicia e celebrarase os días 16, 17 e 18 de xuño, con 12 conferencias, tres mesas redondas e catro talleres prácticos

Tralo éxito colleitado na súa primeira edición, de carácter presencial, en xuño de 2019, o Congreso Atlántico de Marketing Dixital Flúor regresará este ano en formato online e coa participación de máis de 25 relatores nacionais e internacionais de primeiro nivel. Coa Concellería de Promoción Económica e Turismo como principal patrocinador, o ciclo celebrarase os vindeiros días 16, 17 e 18 de xuño, consolidándose como o maior evento sobre marketing dixital do Noroeste de España e ofertando nesta segunda edición 19 actividades: 12 conferencias, tres mesas redondas e catro talleres prácticos.

As charlas serán impartidas por especialistas en Negocio Dixital, Publicidade Dixital & Branding e Social Media, entre os que figuran directivos de Google, Dropbox, Ikea, Telefónica, Estrella Galicia, Heineken, Sony, A3 Media, Prisa, PC Componentes ou La Liga, ademais de axencias e influencers do máximo nivel. O Congreso está organizado polo Clúster de Comunicación de Galicia, do que forman parte colectivos profesionais como a Asociación Galega de Marketing ‘Markea’, a Asociación de Directores de Comunicación ‘Dircom Galicia’ ou  Creatividade Galega, e serve de nexo de unión de toda a cadea de valor do sector da comunicación: impresores, deseñadores, creativos, axencias de publicidade e de medios, marketing dixital e directores de marketing e de comunicación.

O martes 16 e o mércores 17 de xuño desenvolveranse as conferencias e mesas redondas, mentres que os obradoiros prácticos concentraranse na xornada do xoves 18. Todos eles terán lugar en dous bloques horarios, un de mañá, de 12.00 a 14.00 horas, e outro de tarde, entre as 16.00 e as 18.30 horas.

Entre os relatores participantes destacan Adolfo Fernández, director global de Google na área de Shopping; Paulo Rodríguez, director de Solucións de Dropbox para Europa, Oriente Medio e África; Diana Morales, ex directora de Medios Sociais de Telefónica; Pablo Foncillas, prestixioso conferenciante e asesor sénior de compañías en innovación e marketing; Cristina Jover, directora de Marca de PC Componentes; Santiago Miguélez, director de Marketing de Estrella Galicia, e Mónica Sors, influencer de Moda e Lifestyle, embaixadora de grandes firmas e creadora da súa propia marca e tenda dixital.

Delivery, SEO, campañas en Facebook ou posicionamento en Amazon

As tres mesas redondas do Congreso Flúor abordarán sectores en profunda transformación dixital, como a loxística de entrega a domicilio ou ‘delivery’, coa intervención de empresas como Kibus ou Correos; a produción musical, con Sony e Warner, ou os medios de comunicación, con líderes no seu sector como A3 Media ou Prisa, entre outros. O primeiro dos catro talleres previstos para o xoves 18 tratará sobre SEO (posicionamento en buscadores e motores de busca) e arquitectura WP; o segundo sobre como vender e posicionarse en Amazon, a cargo de Avante Medios; o terceiro sobre optimización de campañas en Facebook, impartido por Iconweb, e o cuarto sobre fidelización de clientes e como convertelos en embaixadores de marca, a cargo de BySidecar.

Ao igual que o ano pasado, no que a nosa cidade acolleu a versión presencial, a Concellería de Promoción Económica e Turismo será a patrocinadora principal do evento. Tal e como explica a responsable do departamento municipal, a socialista Yoya Blanco, “a imaxe da nosa cidade estará presente a través de diversos vídeos durante a emisión en directo ou ‘streaming’ do Congreso”.

“O ciclo de conferencias está aberto a todas aquelas persoas interesadas en coñecer de preto as ferramentas, técnicas e estratexias dixitais máis eficaces para marcas, empresas e negocios online. As entradas -apunta- teñen un prezo xeral de 12 euros, cun desconto de 5 euros para os estudantes menores de 25 anos, e dan acceso a tódalas actividades durante os tres días. As inscricións poden facerse a través da páxina web www.congresofluor.com, onde tamén se poderán atopar o programa e toda a información relativa ao congreso”.

Un comité técnico integrado por máis de 15 empresas do sector colaborou durante os últimos meses para crear o concepto e contidos do evento, polo que Flúor representa un proxecto colectivo de todo o sector galego da comunicación.