A compostaxe comunitaria avanza cara ao barrio de Campolongo

28
  • O Concello incorporará no prazo dun mes 4 novos centros en Campolongo e outros 4 na Parda e en Valdecorvos-Castañal. En total, estarán en marcha 23 centros na cidade.
  • Cos 23 composteiros comunitarios que haberá na cidade, conseguirase tratar 1.150 toneladas ao ano, é dicir, o 8% dos biorresiduos domésticos.
  • Hoxe mesmo comezou a instalación das bases dos composteiros na rúa Espincelo.

A compostaxe comunitaria avanza cara ao barrio do Campolongo. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Residuos, Raimundo González, quen afirmou que con esta incorporación o número de centros de compostaxe na cidade situarase en 23.

No barrio de Campolongo, a compostaxe comunitaria estará instalada na rúa Espincelo (peonil da urbanización da Xunta, próxima á Axencia Tributaria), na rúa Alcalde Hevia (entre o Gafos e a rúa do Forno), Iglesias Vilarelle (case enfronte do Crespo Rivas) e Xeneral Rubín (na entrada do Gafos).

Raimundo González explicou que “se corre o risco de ter que suplementar proximamente estes novos centros, pero, en principio, imos arrancar cos catro”. Segundo a estatística municipal, estes catro composteiros darán servizo a uns 6.000 veciños e veciñas.

Hoxe mesmo comezaron as obras na rúa Espincelo para instalar as bases coa toma de auga e a celosía do chan. Cando estean rematados os outros tres puntos de Campolongo, instalaranse os centros de compostaxe que terán cada un dez módulos.

Antes da posta en marcha, o Concello distribuirá carteis e información por todas as caixas de correos dos edificios escollidos para participar. 

Raimundo González informou que a implantación da compostaxe comunitaria en Campolongo xa está previamente pactada coa asociación de veciños do barrio, que tamén coñece o lugar onde se instalarán os centros.

23 centros de compostaxe

Na actualidade o Concello ten instalados distintos centros de compostaxe a servizo dos veciños e veciñas nos barrios de Monte Porreiro, Eduardo Pondal-Gorgullón, A Parda e en Valdecorvos-Castañal. En total, 15 centros aos que hai que sumar os 4 novos que se instalarán na Parda e Valdecorvos: Maruxa Mallo, Pintor Laxeiro, Antón Losada Diéguez, Mestre Soutullo (Praza das Regas), e tamén os 4 de Campolongo.

Dos existentes, tres deles son de 6 módulos, e o resto teñen todos 10. Tratan arredor de 750 toneladas ao ano e cos 8 que entrarán en funcionamento achegarase ao tratamento de 1.150 toneladas ao ano. É dicir, arredor do 8% da produción de biorresiduos do concello de Pontevedra.

O departamento de Residuos xa traballa na implantación da compostaxe comunitaria noutros barrios.