O Concello autoriza as fogueiras de San Xoán a particulares

109
  • Prohibe todas as cacharelas comunitarias que se celebraban en espazo público pola situación sanitaria actual.

O Concello de Pontevedra está a ultimar o Bando de Alcaldía sobre as fogueiras de San Xoán para que os particulares interesados poidan presentar en prazo a súa comunicación ante a administración. 

A diferencia de anos anteriores, o Concello non autorizará fogueiras comunitarias que empreguen o espazo público ao  entender que non é o momento sanitario máis acaído e porque tampouco se poden garantir as medidas sanitarias e de seguridade habituais destas celebracións.

Algunhas asociacións xa se puxeron en contacto co Concello e amosáronse comprensivas con esta decisións ante a excepcionalidade da situación.

Ao respecto dos particulares, o Concello manterá os protocolos de anos anteriores sobre a seguridade, pero tamén esixirá que se garantan as medidas sanitarias que determine a Xunta de Galiza, dado que o San Xoán se celebra despois do remate do Estado de alarma. Neste momento, o máximo de concentración no ámbito privado é de 20 persoas.

O Concello estivo agardando a posible comunicación da Xunta de Galiza sobre o protocolo a implantar no caso da celebración da noite do San Xoán, pero ante a ausencia de noticias, acordou esta solución e con carácter inminente sacará o Bando de Alcaldía.