A Concellería de Desenvolvemento Sostible pon en marcha unha campaña de control dos gansos do Nilo

27
  • A firma especializada Larus Control detectou a presenza de 14 exemplares na desembocadura do río dos Gafos, o contorno da praia fluvial do Lérez e a rúa Augusto González Besada
  • O experto Juan Fraga asegura que a presenza dalgún depredador natural como a xineta axudou a frear un pouco a expansión desta especie, incluída no Catálogo de Exóticas Invasoras

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, acaba de poñer en marcha unha campaña de control dos gansos do Nilo asentados en diversos espazos naturais urbanos de Pontevedra. Expertos da firma Larus Control están a proceder á retirada dos 14 exemplares censados (tres parellas adultas e oito xóvenes) no contorno da praia fluvial do Lérez e a desembocadura do río dos Gafos e a Praza de San Xosé, así como dun niño localizado na rúa Augusto González Besada, coa finalidade de trasladalos en condicións hixiénico-sanitarias óptimas ao centro zoolóxico especializado que a empresa posúe e proceder á súa desparasitación.

Iván Puentes lembra que o ganso do Nilo (Alopechen aegyptiaca) é unha especie incluída no Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, e “de feito, foi a Xefatura do Servizo de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia a que, mediante un escrito remitido o pasado 5 de marzo, chamou a atención sobre o perigo da súa reprodución no municipio e instou ao Concello a iniciar unha campaña de captura”. Segundo explica, “a orixe da expansión desta ave por Europa (Países Baixos, Bélxica, Dinamarca, Alemaña, Francia ou Reino Unido) atópase na fuxida de parellas procedentes de parques e coleccións privadas” e en países como Holanda a súa taxa de crecemento anual sitúase xa en torno ao 28% dende que en 1999 se estableceu en áreas silvestres”. 

“Aínda que ninguén dubida de que son unha especie moi fermosa, o seu comportamento dominante e agresivo con outras aves -subliña o edil- provoca o desprazamento de especies autóctonas, chegando nalgúns casos á súa extinción. Algunhas investigacións apuntan mesmo ao risco potencial de contaminación de augas a causa das súas deposicións en zonas de lecer e á posibilidade de converterse en transmisoras de enfermidades como a gripe aviar”.

A propia Comisión Europea considera que estratexia comunitaria de especies exóticas invasoras debe prestar unha especial atención á toma de medidas nos momentos iniciais do asentamento destes animais e o artigo 10 do RD 630/2013 establece que as administracións competentes adoptarán as medidas de xestión e control das especies incluídas no Catálogo. Así, tras recibir autorización da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente o pasado 4 de xuño, o departamento que dirixe Iván Puentes ordenou a Larus Control a elaboración, durante sete xornadas de campo, dun censo inicial da poboación que ocupa o casco urbano de Pontevedra, coa finalidade de coñecer os principais puntos de cría colonial e as zonas de alimentación e descanso habituais.

Competidores e depredadores no seu territorio

O traballo de rexistro censal, levado a cabo por un biólogo ambiental e un técnico de fauna de Larus con experiencia neste eido, arroxou un resultado un tanto chamativo, ao constatarse que, a pesar da elevada capacidade reprodutiva da especie e de terse localizado cando menos tres parellas, o número de niños e de exemplares xóvenes atopados foi menor do esperado. Tal e como apunta o experto Juan Fraga, “isto podería deberse á presenza dalgunha outra ave dominante como a gaivota patiamarela e, sobre todo, dalgún depredador natural na zona do río dos Gafos, neste caso dunha xineta”. “En todo caso -matiza- a campaña desenvolverase durante tres meses, polo que os números finais do censo poderían verse modificados”.

A captura das aves efectuarase mediante diferentes sistemas de trampeo  (gaiolas de reclamo sonoro, entre outros) nas súas zonas de alimentación e descanso, esencialmente as ribeiras dos ríos, evitando na medida do posible o estrés dos animais. Tamén se aplicarán técnicas de control de natalidade consistentes na procura e retirada de niños e ovos, o que permitirá limitar a cría da especie durante a súa época de estancia na cidade de Pontevedra.

Iván Puentes aclara que, ademais desta captura directa de gansos do Nilo nos puntos prioritarios de trampeo, Larus Control tamén realizará un asesoramento privado aos veciños que así llo requiran a través dunha petición previa ao Concello, “fixando visitas de recoñecemento aos puntos onde se detecten os danos máis graves e informando das posibles solucións ao problema que padezan nas súas vivendas”. No prazo de tres meses dende a finalización da actividade, a empresa remitiralle ao Servizo de Patrimonio Natural da Xunta un informe final dos traballos realizados que incluirá as conclusións do censo inicial, unha listaxe dos puntos de cría localizados e os resultados das capturas de exemplares.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible avanza que este rexistro inicial será repetido anualmente “co obxectivo de coñecer a efectividade dos métodos de control empregados e a dinámica da poboación de ganso do Nilo co paso dos anos”. “Ao igual que nas intervencións que se realizan para controlar os asentamentos de pombas e de gaivotas patiamarelas, os técnicos de Larus -afirma Iván Puentes- desenvolverán as tarefas de retirada de gansos cumprindo estritamente coas normas de prevención fronte á Covid-19”.