Gran zafarrancho nos espazos públicos do rural para acondicionalos de cara ao verán

9
  • Vías municipais, torreiros das festas, parques infantís, espazos periurbanos, lugares de centralidade parroquial… son obxecto dende hai uns días de rozas, limpezas, soprados, retirada de entullos para que estean en bo uso de cara ao verán…
  • Os traballos comezaron en distintos puntos do concello simultaneamente e poderán estar rematados a finais de xullo.
  • A Concellaría de xestión dos residuos e limpeza, que dirixe Raimundo González, puxo en marcha un gran operativo con catro brigadas e tres tractores que xa traballan en Lérez, Monte Porreiro-Mourente, nos parques infantís do rural…

O Concello de Pontevedra a través da Concellaría de xestión dos residuos e limpeza, que dirixe Raimundo González Carballo, iniciou nestes días un gran zafarrancho de limpeza e roza nas vías municipais, zonas verdes, lugares de centralidade parroquial, parques infantís e espazos públicos do rural no que participan catro brigadas con tres tractores de roza, maquinaria pequena e traballo manual.

Pasada a primavera e nas vésperas do verán, o Concello inicia estas rozas anuais para que todos os espazos públicos do rural luzan en bo estado e poidan ser empregados con confianza e tranquilidade por parte dos veciños e veciñas de Pontevedra. Unha vez que as chuvias van remitindo, é o momento de atender á herba e maleza que foi crecendo nas beiravías das estradas municipais rurais, así como naqueles espazos que no verán son máis empregados polos veciños e veciñas, como os lugares de centralidade parroquial, os parques infantís, os torreiros das festas…

Os traballos desenvólvense en varios lugares ao tempo, e consisten na roza da herba e da maleza que crece nas marxes das vías municipais. Para estes labores empréganse os tractores nos lugares que permite o uso desta maquinaria. No caso de espazos nos que non se pode utilizar, a roza é manual.

Ademais da propia roza, recóllense os restos desas cortas por un equipo que pecha a brigada, encargado, tamén, do soprado das marxes para que queden en bo uso de cara ao verán.

Como todos os anos, ao respecto das rozas nas vías municipais o Concello emprega unha planificación que permite sacar o maior rendemento a todas as dotacións das que dispón este zafarrancho. Para iso, crea un plan de traballo que comezou pola parroquia de Lérez e continuará por Lourizán, Salcedo, Ponte Sampaio, Canicouva, Tomeza, Marcón, Bora, Santo André de Xeve, Santa María de Xeve, Verducido, Cerponzóns, Alba, Campañó e Mourente.

Ademais das vías municipais propiamente rurais, o Concello tamén traballa cunha brigada nos ámbitos periurbanos da cidade (Mollavao, Monte Porreiro-Mourente…) que tamén requiren de atención por non ter unha condición estritamente urbana. Nestes casos tamén se traballa cun tractor e unha brigada, e nos puntos nos que non se pode traballar con maquinaria, as rozas fanse a man. Esta brigada traballa neste momento no linde entre o barrio de Monte Porreiro e Mourente.

Os parques infantís

Ademais da actuación nas vías municipais, tamén se destinou un equipo ao  mantemento dos parques infantís do rural (Salcedo, Ponte Sampaio, Canicouva…) onde se están a limpar herbas, follas, entullos e outros restos. Dado que os parques infantís están sen uso dende o decreto do Estado de alarma, a mediados do mes de marzo, a Concellaría que xestiona Raimundo González, quere que estean en boas condicións para cando se permita abrilos ao uso dos máis cativos.

Outro dos puntos de actuación deste importante zafarrancho do rural de verán, son os lugares de centralidade parroquial e os torreiros das festas. Ao respecto dos primeiros, son espazos nos que durante os longos días do verán se soen reunir os veciños e veciñas da parroquia. A Concellaría de dirixe Raimundo González quere telos en bo estado con rozas, podas, limpeza… para que sexan punto de referencia dos residentes da parroquia.

Ademais, tamén se acondicionarán como todos os anos os torreiros das festas, facendo as rozas necesarias, independentemente de que se autoricen ou non, por parte da Xunta de Galicia as festas tradicionais neste verán. Neste caso, o obxectivo é manter controlada a maleza e as herbas que foron crecendo no inverno.

A Concellaría de xestión de Residuos e limpeza pública confía en que os traballos poidan estar rematados en agosto, logo de ter actuado nas 15 parroquias.