O alcalde reivindica o labor social da ONCE na volta dos vendedores a pé de rúa

16
  • Miguel Anxo Fernández Lores e Carme Fouces visitaron o posto de Ramón Bertolo Díaz, que leva 15 anos no seu posto na rúa Michelena
  • O alcalde da cidade demanda máis concreción e coherencia nas normas que regulan a denominada “nova normalidade”

Miguel Anxo Fernández Lores e Carme Fouces achegáronse esta mañá a saudar ao vendedor da ONCE Ramón Bertolo Díaz na súa primeira xornada da volta á actividade laboral. Tanto ao alcalde como a concelleira, que estiveron acompañados  polo director da axencia da ONCE en Pontevedra, Eloy Hermelo, mercaron candaseu boleto para visibilizar o labor de integración laboral e social que realiza esta organización. 

“O importante é que cando compramos un cupón da ONCE estamos colaborando co seu labor social” asegurou Fernández Lores que salientou que “esta fórmula non está estendida a nivel mundal senón que é unha cuestión que só se realiza no Estado español”. A ONCE ten neste momento en nómina 73.900 persoas en todo o Estado, das cales máis de 1.500 traballan en Galiza e 680 son vendedores e vendedoras.

O alcalde indicou que con esta visita tamén se simboliza dalgún xeito a entrada na denominada “nova normalidade”, o que suporá a volta á actividade laboral dos 20 vendedores da ONCE na cidade de Pontevedra. Ramón Bertolo Díaz, que leva 15 anos no seu posto de traballo na rúa Michelena, explicou que esta volta vén acompañada das pertinentes medidas de seguridade e prevención esixidas: pantalla, xel desinfectante, luvas e máscara.

Sobre a entrada na nova normalidade, o alcalde foi crítico con algúns aspectos, como a falta de concreción e incongruencias que se aprecian nas normas. Neste sentido asegurou que “faltan moitísimas cousas por clarificar, pasamos da Fase 3 á nova normalidade pero non sabemos moito en que consiste, hai certas incongruencias, cambios en porcentaxes de ocupación, e non nos parece así moi serio todo isto”. Indicou que “cada vez hai que estar recalculando para cumprir a normativa” e que incluso “se dan unhas instrucións pero non se derogan decretos anteriores, e iso é incongruente e vai ser complicado resolvelo”. Tamén fixo referencia á falta de previsión e á capacidade para garantir a seguridade por parte da Xunta e como exemplos citou a reapertura dos parques infantís ou as medidas de funcionamento dos colexios electorais. Neste último caso asegurou que “primeiro mandan un decreto co que hai que cumprir nos colexios electorais e despois vén un inspector da Xunta e válenlle todos”.