A caseta dos socorristas e os baños da praia fluvial do Lérez estrearán este verán cartelería e vinilos coa nova imaxe da rede de espazos naturais Verde Urbano

25
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible asegura que o areal contará con servizo de socorristas, balizamento perimetral e catro quendas de desinfección a partir do sábado 27 de xuño
  • Iván Puentes declara este contorno “praia libre de fume”, dado o perigo de contaxio da Covid-19 que supón a saliva nas cabichas dos cigarros botadas ao chan

As casetas dos socorristas e dos baños da praia fluvial estrearán a vindeira semana, coincidindo co inicio da tempada de verán, carteis e vinilos coa nova imaxe Verde Urbano, a rede de espazos naturais do contorno urbano de Pontevedra. Entre outras informacións, a renovada cartelería da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural anunciará a decisión do edil Iván Puentes de declarar este espazo “praia libre de fume”, unha medida adoptada ante o perigo de contaxio da Covid-19 que supoñen os restos de saliva nas cabichas dos cigarros que se botan á area.

O concelleiro socialista asegura que o areal fluvial do Lérez contará con servizo de socorristas, balizamento perimetral da zona de baño con boias e catro quendas de desinfección e limpeza dos baños a partir do sábado 27 de xuño. O seu departamento realizará este ano un investimento global duns 46.000 euros á execución dun paquete de dotacións e obras destinadas a poñer a punto a praia de cara á nova normalidade, entre as que se inclúen a contratación dun aporte de 450 metros cúbicos de area á empresa EC Casas por 15.000 euros, un zafarrancho de limpeza, sega e desinfección en profundidade, a cobertura das redes antiherbas e a retirada de tubaxes rotas.

Iván Puentes explica que, ademais de amosar nun plano a ubicación das duchas, os baños, o merendeiro, a zona de baño delimitada polas boias e a caseta dos socorristas, “o novo panel informativo ofrecerá datos de contacto sobre os servizos de Emerxencias 112 e mantemento e as cores (verde, amarela e vermella) que nos indicarán se o baño está permitido, prohibido ou debemos facelo con especial precaución”.

“Tamén fará fincapé na necesidade de manter un comportamento cívico, de manter un ambiente agradable, de falar, escoitar música ou radio cun volume baixo e de empregar as papeleiras para os refugallos. Un símbolo e unha mensaxe deixarán ademais ben claro que estamos ante unha praia libre de fume”, subliña o concelleiro de Medio Natural.

Rehabilitaranse as fachadas exteriores e instalaranse unha cadeira para socorristas e un mastro para as bandeiras de baño

Puentes lembra que tanto a caseta dos socorristas como os baños “se atopan algo deterioradas polo seu uso e polo paso do tempo, polo que a Concellería de Desenvolvemento Sostible decidiu aproveitar este paquete de actuacións para rehabilitar as súas fachadas exteriores e integralas neste contorno natural coa nova imaxe de Verde Urbano”. Segundo apunta o edil do PSOE, esta remodelación completarase en breve coa instalación dunha cadeira de vixilancia para os socorristas e a adquisición dun mastro e de bandeiras de cores para sinalar se o baño se permite, debe facerse con precaución ou está prohibido.