O Concello inicia a actualización do catálogo de edificacións e bens a conservar

51
  • Os pregos contemplan un orzamento de 45.980 euros e o prazo para presentar ofertas remata o 1 de xullo
  • Incluirá elementos que non están no catálogo vixente como o patrimonio industrial, a arquitectura contemporánea e os muros de carácter tradicional

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda vén de anunciar que o Concello saca a licitación a revisión da actualización do Catálogo de edificacións e elementos a conservar da cidade e do rural de Pontevedra. Os pregos da contratación contemplan un orzamento de 45.980 euros e o prazo de presentación de ofertas remata o 1 de xullo, mentres que a execución dos traballos ten unha duración de 15 meses.

Moreda explicou que a finalidade deste traballo é “identificar os elementos pola súa singularidade, características e valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos, arqueolóxicos e paisaxísticos que se considere convinte conservar, mellorar ou recuperar”.  Entre os elementos a incluír e que non están recollidos no catálogo actual, citou todo o patrimonio industrial, edificacións representativas da arquitectura contemporánea como o pavillón de Alejandro de la Sota, ou os muros de carácter tradicional. 

O concelleiro lembrou que o catálogo que está actualmente en vigor fora aprobado en Pleno en abril de 1994, e que recolle unha listaxe de 71 fichas de elementos catalogados na cidade e de 88 fichas no rural. Posteriormente, o Concello redactara un novo documento en 2004 que, aínda que non chegara a ser aprobado, servirá como punto de partida para este traballo de revisión e actualización. 

A actualización do catálogo vixente está xustificada, segundo indicou Xaquín Moreda “pola necesidade de adaptalo á nova normativa e evitar inseguridades xurídicas”. Así, será incluída a listaxe de elementos de interese cultural recollidos pola Consellaría de Cultura, introduciranse os elementos de arquitectura contemporánea e de patrimonio industrial, os muros tradicionais (a súa conservación vén recollida na Lei do Solo de 2016), ao tempo que se revisará cada un dos elementos do catálogo vixente, así como os tipos de intervencións autorizables ou permitidos e os niveis de protección segundo a normativa vixente en materia de patrimonio cultural.

O traballo deberá conter unha listaxe de todos os elementos catalogados, organizados por núcleos e parroquias, a xustificación dos criterios de catalogación seguidos e do proceso de obtención da información, planos de información e situación, unha ficha individualizada de cada elemento catalogado coa descrición gráfica das súas características construtivas e estado de conservación, e as determinacións para a súa conservación, rehabilitación, mellora ou recuperación.