Pontevedra exhibirá a súa ‘pluma’ durante a Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020

1540
  • O rexeitamento á plumofobia será o eixo vertebrador dun programa de actividades lúdicas, reivindicativas e culturais que incluirá un San Xoán Travesti e un Contacontos Diverso no Gastroespazo
  • Tralo éxito de público do ano pasado, os Vermús de Pinto e Maragota regresarán á Praza da Verdura cun espectáculo protagonizado por MarikasxlaFiesta, Meiga_i e Ariezzz

A presentación da instalación artística ‘Non á plumofobia’ no balcón da Casa Consistorial marcará o vindeiro luns 22 de xuño ás 12.00 horas o inicio do intenso programa de actividades reivindicativas, lúdicas e culturais para tódalas idades e públicos que a Concellería de Igualdade deseñou con motivo da Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020. Entre os actos organizados inclúense a celebración dun Contacontos Diverso e dun San Xoán Travesti no Gastroespazo do Mercado de Abastos, a realización de arranxos florais coa bandeira multicolor nos xardíns das prazas de España e Ourense, o fallo da obra gañadora do I Premio Literario pola Diversidade, o reparto de flyers informativos e máscaras nunha Caravana LGTBIQ+ e o esperado regreso dos Vermús de Pinto e Maragota á Praza da Verdura cun espectáculo protagonizado por MarikasXlaFiesta, Meiga_i e Ariezzz.

O programa foi presentado esta mañá na Praza da Peregrina, onde estivo aparcada a Caravana LGTBIQA+, pola concelleira de Igualdade e Benestar, Paloma Castro; o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes; a responsable do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) do Concello de Pontevedra, Ada Otero; a psicóloga e sexóloga Mónica Novas, e a coordinadora do programa municipal Pinto e Maragota, Eva Mejuto. Tal e como sinalou a edil do PSOE, a Semana do Orgullo deste ano “terá como eixo vertebrador o rexeitamento desa recorrente, retrógrada e inadmisible expresión de homofobia que é a plumofobia”, polo que “decidimos exhibir a nosa ‘pluma’ e encher a cidade de plumas de cores, sintéticas por suposto, comezando polo propio Consistorio”.

A Semana abrirase con forza no primeiro andar do Mercado, que o martes 23 de xuño acollerá dúas actividades culturais e lúdicas coincidindo coa chegada do verán. Ás 20.00 horas celebrarase na Ludoteca O Ganapán o Contacontos Diverso ‘Rei e Rei’, no que Sandra Ansín achegaralles aos máis pequenos historias e propostas coloridas para celebrar o Orgullo LGTBIQ+ (haberá inscrición previa a través do correo electrónico ‘oganapan@omercado.gal‘ e, por motivos de prevención, un aforo limitado a 10 rapaces). 

A partir das 22.30 horas, o Gastroespazo será escenario do San Xoán Travesti dos Vermús de Pinto e Maragota, un espectáculo de cabaré transformista con Drag Queen e Drag King interpretado por ‘Marinita y sus maromas’ en clave de comedia musical (con voz en directo, bailes e moito humor). “O aforo limitarase neste caso a un máximo de 25 mesas”, advirte Paloma Castro.

Os traballos florais encargados ao Servizo de Parques e Xardíns para esta Semana do Orgullo 2020 polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible exporanse dende o mércores 24 de xuño nos xardíns das prazas de España e de Ourense, cuxas flores de cores exhibirán a bandeira LGTBIQ+. Segundo indicou Paloma Castro, “o xoves 25 presentarase tamén na Praza de España, coa presenza do director de Edicións Xerais de Galicia, Fran Alonso, a obra gañadora do I Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade, convocado en colaboración coa editorial autonómica”.

Flyers, pulseiras, máscaras e pegatinas pola diversidade

A Caravana LGTBIQ+ volverá estar aparcada nas inmediacións da Praza de Ourense o venres 26 de xuño, no marco dunha campaña informativa e de sensibilización artellada dende o CIDES. Flyers, pulseiras, máscaras e pegatinas a prol da diversidade de sexo e xénero conforman o material que será repartido ao longo desta xornada por Ada Otero e Mónica Novas. “O material informativo -subliñan- lembra que 8 de cada 10 casos de violencia sobre persoas LGTBIQA+ non se denuncian e incide en cuestións básicas como non dar por feito o xénero das persoas que nos rodean; a existencia de tantas maneiras de ser gai, lesbiana, bisexual, heterosexual ou trans como persoas; a importancia da diversidade para axudarnos a aprender as diferenzas e a medrar sen prexuízos nin etiquetas, e o dereito de cada persoa a ser tratada tal e como ela se identifica a si mesma”.

Ada Otero animou a todos aqueles que sexan testemuñas dalgunha situación de acoso ou agresión cara persoas do colectivo LGTBIQA+ a denuncialo, lembrando o teléfono de contacto do CIDES (676 09 73 39) e o seu correo electrónico ‘cidespontevedra@gmail.com‘.

A concelleira de Igualdade asegurou que, “como colofón a esta semana de reivindicación e celebración, os Vermús de Pinto e Maragota regresarán á Praza da Verdura o sábado 27 de xuño ás 13:00 horas cunha Edición Circas, da man de MarikasXlaFiesta, Meiga_i e Ariezzz”. “Tras estes meses de confinamento, as ‘marikas’ volverán ás rúas de Pontevedra desfasadas, pallasas, diversas, orgullosas e dispostas a ateigar a Praza da Verdura de cores e peripecias e, sobre todo, a facernos rir”, avanzou Paloma Castro.