O primeiro dos microvídeos do Efecto PO2 lembra que os espazos públicos son a extensión das residencias da veciñanza

19
  • Dende hoxe está colgado na canle de Youtube do Concello, así como nas redes sociais municipais.
  • É o primeiro doutros tres que recollerán a mesma temática pero en situacións distintas.
  • Forma parte da campaña de concienciación do Concello sobre o Efecto PO2 como estilo de vida e respecto polo medio.

Xa está colgado na canle de Youtube do Concello de Pontevedra o primeiro vídeo que amosa como nas rúas de Pontevedra estase #comonacasa. A peza forma parte da campaña Efecto PO2 da Concellaría de Promoción da Cidade, que xestiona Anabel Gulías, e que pretende trasladar aos veciños e veciñas de Pontevedra que o Efecto PO2 é un estilo de vida e de respecto polo medio e pola saúde das persoas que ten en Pontevedra un singular exemplo.

O primeiro dos tres microvídeos dos que consta a campaña foi gravado en plena praza da Ferraría. Pódese ver como unha señora está tranquilamente lendo un libro na súa casa, e logo de recibir unha mensaxe por teléfono para quedar no teatro, sae do salón directamente á praza da Ferraría.

Con esta gravación, e coas que virán, preténdese demostrar como en Pontevedra a rúa, as prazas, o espazo público é a extensión da vivenda de todos os veciños e veciñas de aí a necesidade do seu coidado, do seu mantemento e de que poida ser gozado por todas as persoas en igualdade de oportunidades: nenos e nenas, persoas maiores, discapacitados…

Esta acción compleméntase con outras como as pintadas de rúa -CO2 +PO2 que se poden ver en dez puntos diferentes da cidade, e que permite facer un pequeno xogo: canto máis se pise o CO2, só irá quedando PO2

Tamén inclúe unha campaña de carteleira de máis de 1.000 exemplares con sete imaxes distintas que recollen diferentes puntos fortes do modelo de cidade, para explicar na cidade que é o Efecto PO2 Está instalada en sedes administrativas, establecementos, nos mupis da cidade… 

Outra das accións aínda por iniciar son os faladoiros do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores con persoeiros.

O programa de actividades e accións da campaña de comunicación do Efecto PO2 é máis extenso e irase desvelando nas vindeiras semanas e poñendo en marcha ao longo de todo o verán. 

Pódese ver o vídeo no seguinte enlace: