Retómanse as actividades do programa Apego adiadas pola Covid

69
  • Comezan este domingo e inclúen andainas, xogos en familia e obradoiros musicais para recuperar cantigas e arrolos para bebés 
  • Todas as sesións terán lugar ao aire libre e con distancias de seguridade e será necesario inscribirse previamente para poder participar

A Concellaría de Normalización Lingüística vén de reorganizar as actividades do programa Apego que quedaran adiadas desde marzo pola Covid-19. Aproveitando o bo tempo reprogramáronse todas en espazos exteriores e realizáronse os axustes necesarios para podelas desenvolver tendo en conta a situación sanitaria, reducindo as prazas e preparando os espazos para poder manter a distancia social entre familias. 

As actividades están dirixidas ás familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos, co fin de dotalas de ferramentas para enriquecer e mellorar o galego que se fala na casa, crear espazos de socialización en lingua galega e dar a coñecer ferramentas e recursos que axudan á crianza en galego. Todas son actividades de balde e con prazas limitadas, polo que é necesario inscribirse nos formularios dispoñibles en apuntate.pontevedra.gal.  

O programa retómase a partir deste domingo, 21 de xuño, coa andaina polo ríos dos Gafos ‘Á procura das herbas de san Xoán’. Estará guiada por Amancio Castro, membro da asociación Vaipolorrío e profesor de ciencias naturais e educación ambiental. Esta excursión pola contorna do río Gafos ten como obxectivo coñecer e identificar as especies naturais e atopar as herbas de san Xoán. Sairase ás 10 desde o albergue de peregrinos ata o muíño de Cabanas, nun percorrido circular e ida e volta.

‘Vai de xogos’ desenvolverase o venres 26 de xuño de 17 a 19.30 horas na alameda,  con ‘Risotadas’. Con esta tarde de xogos en familia, Apego propón recuperar a rúa como espazo de socialización e valorar os xogos como ferramenta de aprendizaxe e comunicación.

O mércores 1 de xullo nos xardíns do Doutor Marescot haberá dúas sesións de ‘Arrolos de Salitre’, con Faia Díaz e Guillerme Fernández. A primeira sesión será de 17.30 a 18.30 horas e a segunda de 19 a 20 horas. A este obradoiro poderán asistir ata 20 familias e nel aprenderanse as melodías tradicionais coas que arrolar aos bebés, transmitíndolles apego, lingua e música. O obradoiro está baseado no CD Arrolos de Salitre (Músicas de Salitre, 2010), de Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Guillerme Fernández e Faia Díaz forman parte do grupo De Vacas; ademais, desenvolven cadanseus proxectos musicais. 

‘Fíos do Querer’, con Cé Orquestra Pantasma terá lugar o xoves 9 de xullo, de 18.30 h a 19.15 h nos xardíns do Doutor Marescot. Co obxectivo de aprender cantigas, este obradoiro musical está pensado para cantar, bailar e xogar en familia. Acompañados dos seus pais, gozarán de cantigas de primeiras palabras, para abanear, para dar bicos, abrazos, facer palmiñas, o cabaliño… O obradoiro divídese en dúas partes: unha primeira de música para xogar, cantar e bailar e unha segunda de exploración instrumental con axóuxeres e obxectos sonoros feitos a partir de materiais naturais. 

As actividades rematarán o mércores 15 de xullo, coa camiñada pola Illa do Covo ‘Aprendendo a falar cos paxariños’, guiada por Manuel Domínguez, de Ventos Estudos Ambientais. Nesta saída pola Illa do Covo, de 18.30 a 20.30 horas, as familias participantes observarán as aves, a flora e os elementos artísticos na xunqueira do Covo. Punto de encontro na Illa do Covo, na ponte peonil de tirantes sobre o río Lérez.

O programa das actividades de Apego comezou en febreiro cun obradoiro formativo sobre recursos educativos dirixido a profesionais da educación infantil, xa  que desenvolven un papel moi activo na socialización das nenas e nenos e na adquisición da lingua nos primeiros anos de vida. 

Apego ten como obxectivo promover a transmisión interxeracional da lingua galega e facilitar a  socialización en galego nos primeiros anos de vida. Está dirixido a familias con fillos e fillas ata 6 anos ou que están agardando un novo membro. Para formar parte do programa Apego hai que solicitar unha cita no web www.apego.gal