‘Pontevedra vívese’ este verán con 18 programas festivos

2244
  • A maioría destes programas son de nova creación e ofrecerán durante os meses de xullo e agosto máis de 300 actividades en 13 espazos do centro e dos barrios da cidade
  • A concelleira de Festas fixo fincapé en que a programación está en liña con “recuperar a vida na cidade e nos espazos públicos” compatibilizándoa coas medidas de seguridade vixentes

A concelleira de Festas, Carme da Silva presentou esta mañá a imaxe e o lema baixo o que se desenvolverá toda a programación de verán e das festas de Pontevedra: ‘Pontevedra vívese’. Explicou que “traballamos co concepto de recuperar a vida, volver a vivir a cidade, volver a vivir os espazos públicos, volver a vivir a rúa, porque se algo caracteriza a Pontevedra e ás pontevedresas e pontevedreses é que vivimos a nosa cidade”. 

Así, para volver a vivir a cidade durante todo o verán, o servizo de Festas deseñou un total de 18 programas, a maioría de nova creación, que ofrecerán máis de 300 actividades dirixidas a todo tipo de públicos e que inclúen diferentes disciplinas artísticas, e que se desenvolverán nos 13 espazos que se habilitarán no centro e nos barrios da cidade.

Da Silva lembrou que “a Covid-19 obrigounos a repensar toda a programación de verán, a darlle unha volta tanto desde o punto de vista da programación como do concepto co que se desenvolverán as actividades”. Neste sentido, asegurou que ademais de recuperar a vida nas rúas da cidade, tamén se traballou co concepto fundamental da “responsabilidade e a seguridade”, polo que todos os espazos nos que se realicen as actividades contarán con cadeiras coas distancias de seguridade esixidas (neste momento de 1,5 metros), onde o público deberá permanecer sentado e evitaranse as aglomeracións nas inmediacións. 

A concelleira tamén insistiu en que “esta reprogramación é fundamental para manter e apoiar a todo o sector cultural e artístico da cidade e, na medida das posibilidades, tamén  ao galego, que é unha parte moi importante da economía que se xera arredor do tecido cultural e artístico pero tamén ao redor do comercio e da hostalería”.

Programas:

  1. Vén Trebellar: ciclo actividades infantís que se vai desenvolver en parques da cidade  e que inclúe diversas disciplinas artísticas como contacontos, música ou teatro
  2. Sondeaquí: programa específico para dar visibilidade á viveza musical de Pontevedra e que bandas locais de música actual de todo tipo de estilos
  3. A rebulir!: animación de rúa de compañías galegas. Trátase dunha adaptación do programa Itineranta á situación actual, polo que se deseñou sen paradas e con percorridos longos para evitar aglomeracións en puntos concretos.
  4. Barullada de Rock: crearanse espazos para concertos (un deles serán as pistas de Campolongo) para acoller actuacións de grupos de rock de Pontevedra
  5. Virar coa Gaita: ciclo de música tradicional galega, con grupos fundamentalmente de Pontevedra
  6. Música Nova: bandas galegas de diferentes disciplinas 
  7. Artes Vivas: programa que combina a fusión entre disciplinas como a música, o teatro, ou a danza
  8. Con Voz de Muller: programa multidisciplinar para poñer en valor a voces femininas en campos como a narrativa, teatro, regueifas ou música
  9. Noites de Jazz: programación especíca de jazz
  10. Cinema na Lúa: mantense o programa de cine ao aire libre xa existente
  11. Clásicas na rúa: terá lugar no quiosco da Alameda e estará dedicado á música clásica
  12. Urban Pontevedra: dedicado ás disciplinas artísticas vinculadas ás artes urbanas que se desenvolverá en Monte Porreiro
  13. Aquí Cántase: readaptación do programa xa existente que pasará a un escenario con distancias de seguridade
  14. Vai de Música: músicos clásicos fusionando con outros artistas, con pequenos bloques de músicos de banda que van actuar conxuntamente con convidados especiais, como outros músicos de disciplinas diferentes, humoristas, etc
  15. Xeiras das artes: xornadas mulitidisciplinares con narración, ilustración ou performance
  16. Pontevedra máxica: ciclo dedicado especificamente a espectáculos de maxia
  17. Festa do Demo
  18. Memorial Ricardo Portela