#PonteLovers lanza a tenda online ‘E-Ponte.com’ para poñer tódolos produtos e servizos comerciais da cidade á distancia dun click

595
  • A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, asegura que a nova ‘e-tenda’ axudará a “reactivar e estimular a actividade do comercio local” e facilitará as compras en liña para os usuarios
  • Baixo o lema ‘Quen ten tenda ten e-tenda’, a plataforma dixital será de carácter gratuíto e fará posible xestionar vendas de xeito virtual e integrar servizos de entrega a domicilio

A plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers ven de dar un novo paso adiante no seu obxectivo de reactivar e estimular o crecemento do comercio de proximidade co lanzamento da súa tenda online ‘E-Ponte.com‘. A nova canle comercial electrónica posta en marcha pola Concellería de Promoción Económica e Turismo facilitará as compras en liña para os usuarios, ofrecendo un espazo web no que tódolos produtos e servizos da cidade poidan atoparse á distancia dun click.

A ‘e-tenda’ permitirá xestionar vendas de forma virtual, realizar pagos por medios bancarios ou en efectivo contra entrega e reservar e axendar servizos, axudando a preservar en todo momento a saúde e a frear a propagación da Covid-19. Baixo un lema baseado no xogo de palabras ‘Quen ten tenda ten e-tenda’, a nova plataforma dixital supón unha aposta de #PonteLovers polo progreso do comercio local, ao estimular a súa incorporación a unha canle totalmente gratuíta de compra-venda de bens e servizos que se complementará coa tradicional.

Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “‘E-Ponte.com permite centralizar a oferta dos comercios do concello nunha soa pantalla e brindarlles aos empresarios a posibilidade de dixitalizar as operacións e a xestión dos seus negocios, ao tempo que poden promocionar os seus produtos de xeito masivo para os habitantes do municipio”. “A iniciativa -apunta a edil socialista- busca facilitar e axilizar as transaccións entre consumidores e comerciantes e enmárcase na nosa estratexia de estimular a economía de Pontevedra ao tempo que preservamos a protección dos cidadáns contra o coronavirus. A aposta de #PonteLovers pasa por fomentar a recuperación económica garantindo a saúde dos pontevedreses”.

Pontevedra compra Pontevedra

Yoya Blanco subliña que a filosofía da ‘e-tenda’ do Concello “afástase dos conceptos e lugares comúns doutras plataformas online, ao centrarse en acadar un fin que #PonteLovers leva no seu ADN: fomentar e poñer en valor o noso, unha Pontevedra que compra Pontevedra”. Co apoio da organización ‘upmalls.com‘, adicada á creación de solucións de cidades intelixentes enfocadas á centralización de mercados e ao estimulo da economía local (con participación en países de Europa e América), xerouse unha plataforma dixital adaptada aos requirimentos da nosa cidade, na que os cidadáns poderán atopar toda a oferta de bens e servizos, comprar os produtos cun só click e recibilos na comodidade das súas casas. “A páxina -sinala Blanco- facilita a integración de servizos de entrega a domicilio, polo que permite xerar sinerxías con empresas locais adicadas a tal fin”.

Entre os beneficios para os usuarios destacan os de atopar tódolos produtos e servizos que requiran nunha única pantalla, reservar e ‘axendar’ servizos, efectuar compras en liña coa posibilidade de pagos por medios bancarios e mesmo en efectivo contra entrega, preservar a saúde e a non propagación da Covid-19 e comprar de forma sinxela. No que atinxe aos empresarios e propietarios dos establecementos comerciais, a plataforma online suporá non só unha ferramenta de promoción masiva dos seus produtos, senón tamén unha solución tecnolóxica que lles permitirá dixitalizar o seu negocio, poder administralo dende unha computadora ou smartphone e integrar nun único espazo web operacións de xestión, administración, inventario, vendas virtuais e atención ao cliente (chegando a cada un dos cidadáns a través dunha canle adicional ás tradicionais).

“E-Ponte constitúese así como unha iniciativa de xeración de progreso que, salvo no que se refire aos custes financeiros (comisións que cobren os bancos polas transferencias) e de transporte, é ademais totalmente gratuíta. A plataforma xa está aberta para que os comercios se vaian rexistrando (na sección Rexistro de Comercios) e, tan pronto como teñamos un bo número deles, poderá xa poñerse en funcionamento”, apunta a concelleira de Promoción Económica e Turismo.

As posibles dúbidas que poidan xurdir en torno á tenda electrónica de #PonteLovers poderán plantexarse a través da dirección de correo electrónico ‘dirección@proxectoiles.es‘.