O Concello destina 1.250.000 euros a micro empresas e autónomos que aposten por manter a actividade económica

238
  • Esta liña de subvencións está dirixida a pequenas empresas con atención directa ao público e que tiveron que permanecer pechadas durante un mínimo de 15 días durante a pandemia
  • Financiará ata o 70%, e un máximo de 5.000 euros, de proxectos de modernización, dixitalización, mellora da accesibilidade, embelecemento interior e exterior, eficiencia enerxética e similares
  • O obxectivo principal é apoiar o comercio local e os pequenos negocios que aposten por manter a súa actividade económica de cara ao futuro

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, anunciaron esta mañá que o Concello destinará unha partida inicial de 1.250.000 euros a subvencionar actuacións de modernización para aqueles negocios pontevedreses que aposten polo futuro mantendo a actividade económica. O anuncio chega despois da sesión ordinaria da Xunta de Goberno local na que se aprobou o punto denominado ‘Concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a autónomos e micro empresas de actividades con atención directa ao público radicadas no Concello de Pontevedra’.

Tal e como explicou o rexedor municipal a filosofía é abrir unha liña de axudas que “non se solape” con outras procedentes doutras Administracións e que “aposta polo futuro de sectores económicos que teñen que ver con actividades con atención ao público”. 

Así, os beneficiarios serán as empresas, negocios e actividades con local de atención directa ao público que tiveron un parón mínimo de 15 días durante o estado de alarma. A modo de exemplo serían negocios tales como cafeterías, restaurantes, comercios declarados non esenciais, perruquerías, librerías, reparación de roupa e calzado, ou actividades artísticas e creativas, que estean rexentadas por autónomos ou empresas de 5 ou menos traballadores.

En canto ás actuacións subencionables, Fernández Lores explicou que se apoiarán proxectos  dirixidos á modernización, mellora, adaptación e dixitalización dos negocios, embelecemento interior e exterior, mellora da accesibilidade, eficiencia enerxética e similares. A porcentaxe máxima da subvención será o 70% do custe total da actuación con un límite máximo para cada subvención de 5.000 € por solicitante, e o orzamento máximo das actuacións para as que se solicite subvención será de 12.000€.

Tino Fernández indicou que, aínda que hoxe se inicia o expediente de tramitación administrativa e en espera de dar a coñecer as as bases definitivas, quixeron facer pública esta liña de axudas para que os posibles beneficiarios poidan ir preparando os seus proxectos. En todo caso, as actuacións subvencionables terán un prazo de execución que abrangue desde o 14 de marzo a 30 de decembro de 2020, e a xustificación da actuación podería chegar ata febreiro do vindeiro ano. 

Liña complementaria

Miguel Anxo Fernández Lores insistiu especialmente en que desde o Concello de Pontevedra “dixemos desde o principio que cando se acabe o estado de alarma e cando se saiba como queda a situación económica global comezaremos a tomar outro tipo de decisións”. Neste marco é no que tanto o rexedor como o tenente de alcalde situaron o anuncio desta mañá. 

Engadiron ademais dúas circuntancias máis. A primeira, en palabras do alcalde “é que a día de hoxe sabemos que polo menos neste ano 2020 se van manter certos ingresos doutras Administracións e podemos dispoñer de certas cantidades”. 

A segunda, refírese ás recomendacións do comité de expertos da Xunta en relación ás medidas que tomen as Administracións locais “que deben actuar sempre complementariamente das medidas que tomen outras Administracións para evitar solapamentos”. Neste sentido, esta liña de axudas chega tras coñecer actuacións do Goberno do Estado e da Xunta.

Traballo continuado

“Esta medida que hoxe inicia o seu trámite non é nin unha media illada nin unha ocorrencia dun día” asegurou Tino Fernández. Tanto el como Fernández Lores fixeron un somero repaso por todo o traballo realizado desde o inicio do estado de alarma, poñendo o foco especialmente na atención ás persoas con máis necesidades e á reactivación da economía local.

“No Concello de Pontevedra fixemos o que tiñamos que facer” afirmou rotundo o alcalde, quen lembrou que o traballo inicial se centrou en atender as necesidades de colectivos máis vulnerables, nomeadamente desde Benestar Social e Protección Civil, ao tempo que puxo en valor o traballo de coordinación de Protección Cidadá, e o dos servizos básicos de limpeza, saneamento, abastecemento, e recollida de lixo.

Tamén lembrou que Pontevedra foi un dos primeiros Concellos que adiou as taxas e impostos durante o estado de alarma, e que se centrou na reactivación económica da cidade en varios aspectos, citando a axilización do pago a provedores, a tramitación e contratación de obras públicas, ou o redeseño de actividades culturais e festas.

Na área de promoción económica salientaron o traballo en asesoramento empresarial, e fixeron unha referencia expresa á iniciativa ‘Pontelovers’, como “unha aposta do enorme cariño que desde promoción económica e os comerciantes e hostaleiros lle teñen á cidade e tamén da confianza de que imos saír desta crise”

Por último, tamén salientaron a promoción da cidade a través da campaña ‘Efecto PO2’,, de cara a poñer en valor as vantaxes do modelo urbano para contar con espazos coas condicións de seguridade que esixe a nova situación post-Covid.