Pontevedra rexeita a ‘plumofobia’ e reivindica a liberdade de expresión física e emocional do colectivo LGTBIQ+ na súa Semana do Orgullo

181
  • O programa de actividades lúdicas e reivindicativas deseñado pola Concellería de Igualdade ponse en marcha cunha instalación de plumas sintéticas de cores no balcón da Casa Consistorial

Pontevedra inaugurou esta mañá, co despregue da instalación ‘Non á plumofobia’ no balcón da Casa Consistorial, o diverso programa de actividades lúdicas, culturais e reivindicativas organizadas pola Concello con motivo da Semana do Orgullo LGTBIQ+ a través do programa municipal Pinto e Maragota. O acto de colocación das boas de plumas de cores sintéticas, que penderán do Consistorio durante os vindeiros sete días contou coa presenza da edil de Igualdade, Paloma Castro, e de varios concelleiros do Goberno local, así como da coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES), Ada Otero.

Tal e como asegurou Castro, “a plumofobia está instalada na sociedade como unha forma máis ou menos sutil de odio, que se manifesta en expresións do tipo: ‘Non me importa que sexas gai, pero tampouco fagas ostentación’”. “Trátase dun concepto moi ligado ao colectivo LGTBIQ+. Ter ‘pluma’ significa que ‘se che nota que es gai ou lesbiana, é dicir, que rompes cos estereotipos da heteronormatividade patriarcal, que es un home afeminado ou unha muller moi masculina. E por iso, este ano queremos centrarnos na ‘plumofobia’, o odio cara unha expresión que identifica ao colectivo”, explica a concelleira socialista.

En opinión de Paloma Castro, “dicir non á ‘plumofobia’ significa non xulgar, deixar ser a cadaquén como é, sen valorar, cuestionar ou afirmar que hai unha forma correcta ou incorrecta de ser LGTBIQ+, e en definitiva, realizar unha defensa da liberdade de expresión física, corporal e emocional”. 

Segundo constatou, a ‘plumofobia’ tamén está instalada dentro do propio colectivo “como un sinal de autoodio que indica que aínda temos moito que avanzar na aceptación e dignificación”. “Debemos defendernos da LGTBIfobia, pero tamén doutras formas de odio máis sutís, que no fondo respostan a un odio cara ao distinto, cara ao non canónico”, subliña  a concelleira do PSOE.

Contacontos Diverso e San Xoán Travestí para abrir boca

O programa deseñado pola Concellería de Igualdade abrirase mañá con forza no primeiro andar do Mercado de Abastos con dúas actividades culturais e lúdicas. Ás 20.00 horas celebrarase na Ludoteca O Ganapán o Contacontos Diverso ‘Rei e Rei’, no que Sandra Ansín achegaralles aos máis pequenos historias e propostas coloridas para celebrar o Orgullo LGTBIQ+ (con inscrición previa a través do correo electrónico ‘oganapan@omercado.gal’ e, por motivos de prevención, un aforo limitado a 10 rapaces). A partir das 22.30 horas, o Gastroespazo será escenario do San Xoán Travestí dos Vermús de Pinto e Maragota, un espectáculo de cabaré transformista con Drag Queen e Drag King interpretado por ‘Marinita y sus maromas’ en clave de comedia musical (con voz en directo, bailes e moito humor). O aforo limitarase neste caso a un máximo de 25 mesas.