Desenvolvemento Sostible repón as papeleiras da Praza dos Soutos con oito novas unidades

8
  • O departamento que dirixe Iván Puentes destina 5.000 € ao subministro destas papeleiras de 35 litros de capacidade e outros 1.500 € a reparar aquelas deterioradas no barrio de Campolongo

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de repoñer con oito novas unidades a dotación de papeleiras da zona verde da Praza dos Soutos, nas inmediacións dos Xulgados da Parda. O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes contratou por 4.934,86 euros á empresa Urbes 21 Dotaciones Urbanas SA para o subministro e colocación destas papeleiras, que substitúen as que estaban deterioradas, rotas ou danadas neste contorno.

Segundo explica Puentes, trátase de papeleiras “moi resistentes”, construídas a partir de dúas carcasas iguais de ferro fundido, “cuxos contedores de aceiro galvanizado teñen capacidade para 35 litros de lixo” e que, polas súas reducidas dimensións, “tamén poden ser empregadas sen problemas polos máis pequenos”. A forma oval destas unidades, de 57 kilos de peso e parafusos de aceiro inoxidable, permitiu a súa instalación nas aceiras sen impedir o paso dos peóns.

Asemade, a Concellería de Desenvolvemento Sostible tamén contratou á firma Baygar SL cunha achega económica de 1.530,65 euros para realizar traballos de reparación dalgunhas papeleiras que se atopan rotas ou en mal estado no barrio de Campolongo.