Habilitada unha web para a consulta das axudas a autónomos e micropemes

47

O Concello de Pontevedra vén de activar unha páxina web específica na que se recolle o primeiro borrador das subvencións habilitadas para autónomos e micropemes aprobado onte na Xunta de Goberno. Con esta aprobación iníciase toda a tramitación administrativa que poderá estar rematada en dous ou tres meses. O obxectivo de facer o anuncio é que os posibles interesados e interesadas vaian coñecendo as liñas de subvencións e ir tomando as súas decisións.

Nesta páxina, que se irá actualizando a medida que vaia avanzando o proceso administrativo pode consultarse no enlace: https://www.pontevedra.gal/subvencions/

As axudas a autónomos e micropemes foron aprobadas na Xunta de Goberno de onte e contempla unha partida inicial de 1.250.000 euros para proxectos que non superen os 12.000 euros, e cunha porcentaxe de subvención do 70% do custe total do proxecto, até un máximo de 5.000 euros por solicitude.

Os beneficiarios serán as empresas, negocios e actividades con local de atención directa ao público que tiveron un parón mínimo de 15 días durante o estado de alarma; negocios tales como cafeterías, restaurantes, comercios declarados non esenciais, perruquerías, librerías, reparación de roupa e calzado, ou actividades artísticas e creativas, que estean rexentadas por autónomos ou empresas de 5 ou menos traballadores.

Liña de subvencións 

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou na presentación destas axudas que desde o Concello de Pontevedra “dixemos desde o principio que cando se acabe o estado de alarma e cando se saiba como queda a situación económica global comezaremos a tomar outro tipo de decisións”. Confirmou que “a día de hoxe sabemos que polo menos neste ano 2020 se van manter certos ingresos doutras Administracións e podemos dispoñer de certas cantidades”. 

A esta situación súmanse as recomendacións do comité de expertos da Xunta en relación ás medidas que tomen as Administracións locais “que deben actuar sempre complementariamente das medidas que tomen outras Administracións para evitar solapamentos”. Neste sentido, esta liña de axudas chega tras coñecer actuacións do Goberno do Estado e da Xunta.