O CIDES atendeu a 18 usuari@s, a maioría persoas trans, dende a súa apertura no mes de marzo

27
  • Paloma Castro subliña “a elevada cifra de peticións de información e asesoramento ao Centro que coordina Ada Otero, a pesar de poñerse en marcha xusto cando explotou a pandemia”
  • Os xardíns da Ferrería e a Praza de España xa exhiben a bandeira do Orgullo LGTBIQ+ grazas aos traballos realizados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible con buxos de cores

Os xardíns das prazas da Ferrería e de España foron os protagonistas dunha nova acción simbólica enmarcada dentro do programa de conmemoración da Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020, grazas aos traballos realizados polo Servizo Municipal de Parques e Xardíns para ‘pintar’ a bandeira do colectivo con buxos de cores nestes espazos verdes. A intervención reivindicativa foi presentada esta mañá na Praza de Ourense pola concelleira de Igualdade, Paloma Castro; o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e a coordinadora de Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) de Pontevedra, Ada Otero.

Castro salientou a boa acollida do San Xoán Travesti celebrado onte no Gastroespazo do Mercado de Abastos con ‘Marinita y sus maromas’ e lembrou algúns dos pratos fortes que lle quedan por diante a esta Semana do Orgullo, como a presentación da obra gañadora do I Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade (mañá, ás 11.30 horas); o reparto de flyers informativos, máscaras e pulseiras dende a caravana LGTBIQ+ (o venres pola tarde, no contorno da Peregrina), e o regreso dos Vermús de Pinto e Maragota á Praza da Verdura da man de MarikasXlaFiesta (o sábado ás 13.00 horas). 

A concelleira socialista aproveitou a ocasión para presentar datos sobre os primeiros meses de funcionamento do CIDES, cuxa apertura tivo a mala fortuna de coincidir practicamente no tempo coa declaración do estado de alarma pola pandemia da Covid-19. A pesar desta situación, a coordinadora do pioneiro Centro do Concello de Pontevedra ofreceu información e asesoramento a 18 usuari@s, dos que case a metade solicitaron orientación persoal sobre xénero e sexualidade e a maioría eran persoas trans. “Moitas das consultas -aclarou Paloma Castro- tiñan que ver con persoas trans que descoñecían aspectos de carácter xurídico ou non sabían como acceder aos tratamentos hormonais”.

Ada Otero tamén recibiu cinco peticións de axuda para informar e facer revisións de teses e proxectos de fin de carreira sobre temáticas como a realidade e as problemáticas das persoas trans, a visibilidade do colectivo LGTBI, a construción do xénero ou a teoría queer. A activista e coordinadora do CIDES respostou ademais a dúas consultas relativas a dúbidas sobre o colectivo LGTBI e á linguaxe sobre diversidade e orientación sexual (por exemplo, aclaracións en torno ao concepto de transfobia) e foi contactada por dúas asociacións para participar en xornadas divulgativas.

Un 20% das atencións anuais do Observatorio en tres meses

Paloma Castro salientou o feito de que, se comparamos os datos destes algo máis de tres meses de funcionamento do CIDES cos do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, que está conformado por nove profesionais e que atendeu en todo 2019 a 90 persoas, “o resultado é máis que satisfactorio e pon de manifesto a importancia deste servizo, máis aínda se temos en conta as circunstancias”. “Acadar un 20% da cifra de atencións anuais efectuadas polo Observatorio nun servizo que acaba de estrearse, en apenas tres meses e en medio dunha pandemia mundial, é un balance moi positivo, subliña a necesidade do CIDES e anímanos a continuar na mesma dirección”.

Neste sentido, Ada Otero constatou que unicamente puido atender presencialmente na oficina situada na Praza de José Martí (s/n, 3º andar) a dúas persoas, “xa que apenas tivemos tempo de abrir as portas cando se decretou o estado de alarma”. Por este motivo, as redes sociais e o correo electrónico convertéronse para a coordinadora do CIDES en ferramentas de grande utilidade para atender aos usuari@s: a metade das solicitudes de asesoramento e información chegaron a través do correo electrónico (cidespontevedra@gmail.com) e da conta de Instagram (@cidespontevedra). Facebook (@CIDESpontevedra), Twitter (@CIDESpontevedra), Whatsapp e o teléfono (676 09 73 39) foron os outros medios de contacto.

Xardíns con Conciencia

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible explicou o seu proxecto para facer dos xardíns de Pontevedra “non só uns espazos estéticos e de lecer, senón tamén uns espazos vivos, que vaian mutando co paso do tempo e nos que os nosos cidadáns se poidan ver reflectidos, é dicir, que se convertan nun espazo máis de reivindicación da igualdade e de dereitos para tod@s, neste caso da diversidade sexual e de xénero”. “A idea inicial -admitiu Iván Puentes- era facer unha bandeira con flores, pero tamén a crise do coronavirus nos afectou nisto, xa que os viveiros están baixo mínimos e estamos tódolos concellos demandando flor de tempada, así que optamos por plantacións de buxos, que teñen a vantaxe de ser máis resistentes e que estarán un tempo nestes contornos centrais de San Francisco e a Praza de España. Están intervidos artisticamente con pintura respectuosa co medio ambiente e que non supón dano para a planta. Agardamos que se convertan no primeiro paso deses Xardíns con Conciencia que queremos ter en Pontevedra”.