Os clubs deportivos de Pontevedra estrearán a App deseñada polo Concello para a xestión das subvencións coas axudas anuais de 2018-2019

444
  • O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, asegura que a nova aplicación “axilizará e simplificará a tramitación das subvencións, tanto para a fase de solicitude como para a de xustificación”
  • A App ‘deportepontevedra.cluber.es‘ permite facer novos socios e inscricións online, automatizar as cotas do deporte base, vender entradas ou material e enviar comunicados a socios e pais

O alcalde en funcións e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, mantivo esta tarde unha xuntanza con representantes dos equipos directivos e técnicos dos clubs deportivos de Pontevedra coa finalidade de darlles a coñecer a nova aplicación deseñada para a xestión das subvencións. Segundo lles avanzou neste encontro, celebrado tanto de xeito presencial no Pavillón Municipal (bancada sur-baixa) como por vídeoconferencia, as axudas anuais correspondentes ao período 2018-2019, “cuxas bases poderían estar aprobadas nun par de semanas”, converteranse nas primeiras que se tramitarán mediante a App ‘deportepontevedra.cluber.es‘.

Fernández asegurou que a posta en funcionamento da aplicación “suporá un paso de xigante na xestión de trámites burocráticos que podían ser un pouco farragosos e que, a partir de agora, se resolverán a golpe de pantalla ou de panel táctil”. Tal e como sinalou, a nova App “axilizará e simplificará moitísimo a tramitación das subvencións, tanto para a fase de solicitude como para a de xustificación”. “Ademais, os clubs poderán empregala para facer novos socios e inscricións online, automatizar as cotas do deporte base, vender entradas ou material e enviar comunicados a socios e pais. O Concello farase cargo da cota de alta e dun ano de mantemento para tódolos equipos”, subliñou o edil do PSOE.

A reunión, na que se aplicaron estritas medidas de prevención para os participantes presenciais (hidroxel e panos de papel nos accesos, uso obrigatorio de máscara nas instalacións e asentos habilitados coa distancia interpersoal de seguridade e previamente desinfectados e identificados cun símbolo), contou coa presenza dos responsables da empresa Cluber, que deseñou a App, así como do director do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló. Os voceiros dos clubs, aos que xa se lles fixera chegar unha guía rápida de uso da aplicación para ter un primeiro contacto previo con ela antes da xuntanza, tiveron así a oportunidade de realizar suxestións e de resolver tódalas súas dúbidas sobre o funcionamento da App.

Os trámites, a golpe de boton

Para comezar a utilizala, os clubs deben rexistrarse cun número de teléfono, unha dirección de correo electrónico e un contrasinal. A partir de aí, poderán inscribir ao equipo na subvención e comezar coa súa tramitación, cubrindo un formulario online que terán a posibilidade de gardar paso a paso e de continuar no mesmo punto outro día. Unha vez completada a información en tódolos pasos, deberán premer no boton ‘Finaliza e descargar’ e subir o documento descargado na sede electrónica do Concello (no caso de precisar axuda poderán solicitala a través dos correos ‘ayuda@cluber.es‘ ou ‘admindeportes@pontevedra.eu). De cara a sacarlle o máximo partido a Cluber, os interesados poden solicitar unha formación no email ‘info@cluber.es‘ ou enviando un whatsapp ao número 623 19 12 32.

Tino Fernández explicoulles aos representantes dos clubs da cidade que “as bases das subvencións unais de 2018-2019, dotadas dunha achega económica de 300.000 euros, deberían levarse a Xunta de Goberno para a súa aprobación nun par de semanas”. “A convocatoria estaría pendente da xeración de crédito a cargo dos remanentes líquidos de tesourería do Concello, malia que estamos a explorar tamén co Servizo de Intervención a posibilidade de aprobalas en base a crédito provisional”, apuntou o alcalde en funcións.