Tino Fernández asegura que o anuncio da contratación da senda peonil entre a cidade e Marín no BOE “amosa o compromiso de Pedro Sánchez con Pontevedra”

23
  • O alcalde en funcións subliña “a importancia dunha actuación que suporá un investimento de máis de 1,7 millóns de euros e que contribuirá a conectar a pé dous municipios irmáns”
  • A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, subliña que “o Goberno socialista de Pedro Sánchez cumpre unha vez máis coas promesas que tiña adquiridas coa cidadanía de Pontevedra”

O alcalde en funcións, Tino Fernández, califica como “unha mostra máis do absoluto compromiso do Goberno de Pedro Sánchez con Pontevedra a publicación no BOE de hoxe da agardadísima contratación do itinerario peonil que conectará a pé a nosa cidade e Marín (treito Pontevedra-Os Praceres) por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica”. O socialista subliña “a importancia” deste anuncio de formalización de contrato da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, “cunha actuación que suporá un investimento de 1.734.766,22 euros e que contribuirá a conectar a pé dous municipios irmáns”.

A publicación da adxudicación do proxecto á empresa Constructora San José SA mediante procedemento aberto (de entre 16 ofertas recibidas) foi recibida por Fernández “como unha proba do agarimo recíprocro de Pontevedra e Pedro Sánchez”, o que pon de manifesto “que un Goberno progresista é o único xeito de garantir esas grandes infraestruturas e obras que quedan pendentes na cidade”.

Tamén amosou a súa satisfacción ao respecto a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, quen subliña que o Goberno central “está traballando arreo para facer realidade este tipo de proxectos tan demandados pola cidadanía”. “O Executivo de Pedro Sánchez -sinala  Larriba- cumpre unha vez máis, neste caso a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, coas promesas que tiña adquiridas cos cidadáns de Marín e de Pontevedra. A palabra do Goberno central é unha garantía de progreso para a nosa provincia”.