As asociacións empresariais reciben o borrador de axudas municipais a autónomos e micropemes

17
  • O obxectivo é que os posibles interesados e interesadas vaian coñecendo os requisitos de partida para que poidan ir encamiñando proxectos e actuacións subvencionables.
  • Remitiuse o borrador das bases a oito asociacións e colectivos sectoriais, e ás micropemes e autónomos que forman parte do programa ‘Pontevedra ten un puntazo

O Concello vén de enviar o primeiro borrador das subvencións habilitadas para autónomos e micropemes a diferentes axentes do sector aos que vai dirixida especificamente esta liña de axudas. O obxectivo desta difusión pormenorizada é que os posibles interesados e interesadas vaian coñecendo os requisitos de partida para que poidan ir tomando as súas decisións e encamiñando proxectos e actuacións subvencionables.

Así, o borrador desta liña de subvencións foi enviado a diferentes asociacións e colectivos sectoriais radicados en Pontevedra, e tamén a outros que abranguen unha área xeográfica máis ampla pero que contan entre os seus asociados e asociadas a empresas e autónomos do Concello pontevedrés. Entre estas entidades cóntanse a Asociación da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra; a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía; a Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra; Hostaleiros Empresarios de Pontevedra; a Asociación de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros da Provincia de Pontevedra; a Asociación de Hoteis da Cidade de Pontevedra; a Asociación de Comerciantes Loureiro Crespo e Adxacentes; e a Asociación Provincial de Perruqueiros de Pontevedra. Ademais, tamén se incluíu nesta difusión directa as empresas e autónomos que forman parte do programa ‘Pontevedra ten un puntazo’, integrado maioritariamente por micropemes do ámbito da economía creativa e innovadora. 

Esta acción súmase á posta en marcha, a comezos desta semana, dunha páxina web específica na que tamén se pode consultar este primeiro borrador das subvencións, e que se irá complementando con nova información segundo avance a tramitación administrativa. Pode consultarse no enlace: https://www.pontevedra.gal/subvencions/ 

Convén lembrar que as axudas a autónomos e micropemes foron aprobadas na Xunta de Goberno do luns 22 de xuño e  que contemplan unha partida inicial de 1.250.000 euros para proxectos que non superen os 12.000 euros, e cunha porcentaxe de subvención do 70% do custe total do proxecto, até un máximo de 5.000 euros por solicitude. 

Os beneficiarios serán as empresas, negocios e actividades con local de atención directa ao público que tiveron un parón mínimo de 15 días durante o estado de alarma; negocios tales como cafeterías, restaurantes, comercios declarados non esenciais, perruquerías, librerías, reparación de roupa e calzado, ou actividades artísticas e creativas, que estean rexentadas por autónomos ou empresas de 5 ou menos traballadores.