O Concello de Pontevedra trasladará a súa Oficina de Turismo á Casa Consistorial no mes de xullo

42
  • O proxecto de remodelación do espazo ascende a case 18.000 € e permitirá dotar a zona de acceso de dous mostradores, un moble para almacenaxe e un gran panel de Visit-Pontevedra
  • A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, explica que a Oficina “contará con tres traballadores, en quendas de dous ao mesmo tempo, un en cada mostrador”

Trala mudanza do Rexistro ás dependencias da Casa da Luz, a Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe Yoya Blanco, decidiu trasladar a Oficina de Turismo do Concello de Pontevedra á Casa Consistorial. Un proxecto de remodelación que suporá un investimento de case 18.000 euros permitirá dotar a zona de acceso do edificio da Praza de España de dous mostradores con cuberta, un moble de almacenaxe e dous grandes paneis informativos de Visit-Pontevedra. A edil do PSOE agarda que a mudanza se poida producir nas primeiras semanas de xullo, “para telo todo en funcionamento de cara a esta vital tempada de verán”.

Segundo avanza a Oficina contará con tres persoas contratadas “en quendas de dous ao mesmo tempo, unha en cada un dos dous mostradores habilitados”. “Coido que a Casa Consistorial é un punto de referencia inmellorable para os turistas que visiten a capital das Rías Baixas e dende aquí sairán agora ademais as visitas guiadas”, subliña Yoya Blanco.

O proxecto de reforma plantexa a colocación de dous mostradores con cuberta e un moble ao fondo para almacenaxe nun dos laterais e de dous grandes paneis no outro, empregando os dous grandes arcos da zona de acceso ás escaleiras para colocar información e fotos da cidade e o seu contorno (tamén se mellorará a ambientación do espazo coa instalación dunha xardineira). 

O panel principal, o de maior tamaño, terá unhas dimensións de catro metros de ancho por 2,5 de alto, levará o lema ‘Serás de Pontevedra!’ en releve e o saúdo ‘Welcome’ e disporá dunha caixa con luz co símbolo de información e dun plano de 120×170 centímetros recortado do fondo e iluminado con luz led pola parte inferior. Tal e como apunta a concelleira de Promoción Económica e Turismo, os planos e folletos informativos de Visit-Pontevedra “poderán escanearse e descargarse neste panel a través de códigos QR en diferentes idiomas”. “A superficie dos mostradores farase con materiais que teñen propiedades antibacterianas”, engade Yoya Blanco.

Un símbolo de información de grandes dimensións no exterior

No exterior do edificio, ás portas do Consistorio, instalarase un elemento de mobiliario de máis de dous metros de altura, a xeito de banco, cun gran símbolo de información, o nome de Pontevedra e unha xardineira protexida por unha malla metálica. Yoya Blanco asegura que estas características o converterán, ademais de nun sinal indicativo moi efectivo, “nun punto para sacarse unha foto de recordo da nosa cidade”.