A Xunta de Goberno aproba mañá a programación anual dos Servizos Sociais Comunitarios para 2020 cun orzamento que supera os 3,6 millóns de euros

24
  • A concelleira de Benestar Social lembra que a Xunta de Galicia “vén de recibir máis de 17 millóns de € do Estado” e avanza a súa intención de solicitarlle 1,7 millóns para o programa municipal

A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, solicitaralle á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia unha achega económica de 1,7 millóns de euros para a cobertura do Proxecto Anual de Servizos Sociais Comunitarios Municipais (PASSCM) do Concello de Pontevedra para o ano 2020. A programación anual dos Servizos Sociais, cuxo orzamento global supera os 3,6 millóns de euros, irá mañá a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación, como paso previo para solicitarlle á Administración autonómica o cofinanciamento do PASSCM. 

Non obstante, Paloma Castro amosa a súa preocupación “ante o anuncio da Xunta de Galicia de que apenas destinará este ano de xeito extraordinario 1,2 millóns de euros para servizos sociais, cando veñen de recibir máis de 17 millóns do Fondo Social Extraordinario do Goberno do Estado”. “O Concello de Pontevedra está a asumir os custes dunhas competencias que, en virtude do artigo 27.23 do Estatuto de Autonomía de Galicia, son de carácter autonómico. Facendo gala da cara de formigón armado á que nos ten acostumados, o señor Feijoo non dubida en presumir acotío das súas competencias en servizos sociais, cando en realidade non as exerce nin dota aos concellos dos recursos necesarios para facelo. Uns recursos que, por certo, eles si reciben do Estado”, subliña a concelleira socialista.

En base ao Proxecto Anual que mañá aprobará a Xunta de Goberno, case un millón de euros dos 3,6 do orzamento do PASSCM para 2020 está destinado a persoal (un total de 20 traballadores/as), e os restantes 2,6 millóns ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e á xestión de diferentes programas: información e orientación, apoio á unidade convivencia, aloxamento alternativo, actuacións específicas de prevención e inserción e prestacións complementarias. En concreto, destínanse ao SAF 1.659.900 euros e aos restantes programas 995.214,17 euros.

Castro teme que, a pesar da enorme contribución económica que recibiron por parte do Goberno de Pedro Sánchez, a Xunta de Galicia non vaia asumir máis de 185.000 euros da programación anual de Servizos Sociais Comunitarios do noso Concello.