- A Concellaría que xestiona Raimundo González abre os centros das rúas Espincelo, Xeneral Rubín, Iglesias Vilarelle e Alcade Hevia o xoves e venres, 2 e 3 de xullo.
- Os mestres composteiros atenderán aos veciños e veciñas que se acheguen a interesarse polo tratamento dos biorresiduos.
- Tamén activa os catro novos centros da Parda e de Valdecorvos o mércores, 1 de xullo.
A Concellaría de xestión de Residuos, que dirixe Raimundo González pon en marcha esta semana 8 novos centros de compostaxe na cidade nos barrios da Parda, de Valdecorvos e de Campolongo. Con estas novas unidades, a cidade disporá, xa, de 23 composteiros comunitarios a pleno rendemento.
Os primeiros en poñerse en marcha serán os dos barrios da Parda e Valdecorvos. O mércores, 1 de xullo, activaranse os reforzos das rúas Pintor Laxeiro e o da praza das Regas (rúa Gaiteiro Soutelo). Estarán operativos dende primeira hora da mañá para que os veciños e veciñas que o desexen poidan facer uso deles.
Neste caso son dous centros de compostaxe de 10 módulos cada un, que dispoñen de colector para estruturante e fonte.
Xa pola tarde abrirán os composteiros comunitarios de Antón Losada Diéguez e de Maruxa Mallo. Son tamén dous centros de compostaxe con 10 módulos cada un, caixas de estruturante e fonte.
Aínda que son centros situados tamén no barrio da Parda, son os primeiros que se instalan nestas localizacións polo que está previsto a colocación dunha carpa informativa para atender a todas as persoas que desexen achegarse para coñecer o funcionamento dos centros de compostaxe, obter información ou bolsas de compost. Na tarde do mércores, en distintos horarios, tres mestres e mestras composteiras dependentes do Departamento de xestión de Residuos, atenderán as preguntas e suxestións dos veciños e veciñas. A programación é a seguinte:
- Maruxa Mallo: das 17.00 ás 18.30 horas
- Antón Losada Diéguez: de 19.15 a 20.45 horas
O barrio de Campolongo
O xoves e o venres tócalle o turno ao barrio de Campolongo onde xa están instalados centros de compostaxe comunitaria de 10 módulos, caixón de estruturante e fonte cada un, nas rúas Espincelo, Xeneral Rubín, Iglesias Vilarelle e Alcalde Hevia.
Dado que se trata dun novo barrio ao que chega a compostaxe, a Concellaría de Residuos instalará tamén a carpa informativa para atender a todos os residentes que se acheguen a ver os novos composteiros. Serán atendidos por tres mestres e mestras composteiras que solventarán as súas dúbidas, ofrecerán información e bolsas de compost procedente doutros centros da cidade.
Os días previstos para a apertura dos composteiros comunitarios en Campolongo son os seguintes:
- 2 de xullo
- Rúa do Espincelo: de 17 a 18.30 horas
- Rúa Xeneral Rubín: de 19.15 a 20.45 horas.
- 3 de xullo
- Rúa Iglesias Vilarelle: de 17 a 18.30 horas
- Rúa Alcalde Hevia: de 19.15 a 20.45 horas.
A Concellaría fará un labor informativo previo coa colocación de cartelería en todo o ámbito de influencia dos oito centros de compostaxe que se poñen en marcha na vindeira semana.
23 centros de compostaxe
Na actualidade o Concello ten instalados distintos centros de compostaxe a servizo dos veciños e veciñas nos barrios de Monte Porreiro, Eduardo Pondal-Gorgullón, A Parda e en Valdecorvos-Castañal. En total, 15 centros aos que hai que sumar os 8 novos que se porán en marcha a vindeira semana.
Dos existentes, tres deles son de 6 módulos, e o resto teñen todos 10. Tratan arredor de 750 toneladas ao ano e cos 8 que entrarán en funcionamento achegarase ao tratamento de 1.150 toneladas ao ano. É dicir, arredor do 8% da produción de biorresiduos do concello de Pontevedra.
O departamento de Residuos xa traballa na implantación da compostaxe comunitaria noutros barrios.
CCC Antón Losada Diéguez CCC Maruxa Mallo CCC Pintor Laxeiro CCC Praza das Regas CCC Antón Losada Diéguez CCC Praza das Regas CCC Pintor Laxeiro CCC Maruxa Mallo CCC Antón Losada Diéguez CCC Praza das Regas