A veciñanza poderá empregar dende mañá os novos composteiros da Parda e de Valdecorvos

15
  • Pola mañá abrirán os centros de reforzo de Pintor Laxeiro e rúa Mestre Soutullo (praza das Regas).
  • Pola tarde abrirán os composteiros de Antón Losada e Maruxa Mallo, nos que estarán os mestres composteiros explicando e ofrecendo información aos veciños e veciñas interesados.

A Concellaría de Residuos que dirixe Raimundo González Carballo, inicia mañá a posta en marcha os oito novos centros de compostaxe comunitaria situados nos barrios da Parda, Valdecorvos e Campolongo. Os primeiros en abrir serán os da Parda e Valdecorvos, previsto para mañá mesmo.

Xa pola mañá está previsto abrir os reforzos das rúas Pintor Laxeiro e o da rúa Mestre Soutullo (Praza das Regas – Valdecorvos), que veñen a completar os outros centros de compostaxe instalados na zona. Estarán operativos dende primeira hora da mañá para que os veciños e veciñas que o desexen poidan facer uso deles. 

Son dous novos centros de compostaxe de 10 módulos cada un instalados sobre unha celosía, que dispoñen de colector para estruturante e fonte. 

Xa pola tarde abrirán os composteiros comunitarios das rúas Antón Losada Diéguez e Maruxa Mallo. Son tamén dous centros de 10 módulos cada un, caixas de estruturante e fonte. 

No caso destes dos últimos, son centros situados no barrio da Parda pero son os primeiros que se instalan nestas localizacións polo que está previsto a colocación da carpa informativa “Composta” para atender a todas as persoas que desexen achegarse a coñecer o funcionamento dos centros de compostaxe, obter información ou bolsas de compost. 

En distintos horarios, tres mestres e mestras composteiras dependentes do Departamento de xestión de Residuos, atenderán as preguntas e suxestións dos veciños e veciñas. Na rúa Maruxa Mallo estarán de 17.00 ás 18.30 horas e en Antón Losada de 19.15 horas a 20.45 horas.

A apertura dos centros de compostaxe comunitaria de Campolongo está prevista para o xoves e o venres.

23 centros de compostaxe 

Na actualidade o Concello ten instalados distintos centros de compostaxe a servizo dos veciños e veciñas nos barrios de Monte Porreiro, Eduardo Pondal-Gorgullón, A Parda e en Valdecorvos-Castañal. En total, 15 centros aos que hai que sumar os 8 novos que se porán en marcha a vindeira semana coa incorporación do barrio de Campolongo. 

Dos existentes, tres deles son de 6 módulos, e o resto teñen todos 10. Tratan arredor de 750 toneladas ao ano e cos 8 que entrarán en funcionamento achegarase ao tratamento de 1.150 toneladas ao ano. É dicir, arredor do 8% da produción de biorresiduos do concello de Pontevedra. 

O departamento de Residuos xa traballa na implantación da compostaxe comunitaria noutros barrios.