Máis de 2700 veciños de Xeve e Verducido resintonizarán este sábado a canle de TV por mor do dividendo dixital

13
  • O Concello fará na madrugada do sábado a adaptación do repetidor para que 1.032 vivendas destas parroquias poidan seguir vendo as canles como La1, La2 ou a TVG.
  • Xa se adaptou o repetidor que xestiona a rede da Canicouva e nos próximos días farase na parroquia de Bora.

Na madrugada deste sábado está previsto que se realicen as adaptacións necesarias no repetidor municipal que dá servizo as parroquias de Santa María e Santo André de Xeve e Verducido para que as vivendas desta área non perdan ningunha canle de TV-TDT por mor do segundo dividendo dixital. En vindeiras fins de semana, e sempre de madrugada para causar as menos molestias posibles, realizarase o reaxuste nos repetidores municipais que dá servizo á parroquia de Bora. Estes traballos xa se realizaron nas parroquias de Canicouva.

Para informar de primeira man, a Concellaría do Rural que xestiona Alberto Oubiña, iniciou onte o reparto vivenda a vivenda, dunha carta na que se informa de que é o novo dividendo dixital e os motivos polos que os veciños e veciñas deben resintonizar para ver determinadas canles de TV-TDT.

En total, esta resintonización afectará a 1.482 viviendas e 3.700 veciños e veciñas. En concreto, na parroquia de Santa María de Xeve afecta a 296 vivendas e 804 veciños; en Santo André de Xeve 431 vivendas e 1.045 veciños, e en Verducido 305 vivendas e 891 veciños e veciñas. Na parroquia de Bora afecta a 329 vivendas e 713 veciños, e na Canivouva xa dá servizo a 121 vivendas e 247 veciños.

Malia que non se trata dunha competencia municipal, o Concello asume a operación de reaxuste nos seus repetidores para facilitar o servizo á veciñanza afectada polo segundo dividendo dixital. Esta actuación, que consistirá na substitución dos elementos necesarios para a resintonización, terá un investimento de máis de 17.000 euros. Convén lembrar que xa no seu día o Concello asumira a instalación destes tres repetidores co obxecto de mellorar o sinal da recepción e subsanar os problemas de calidade do servizo que viña sufrindo a veciñanza destas zonas do rural pontevedrés. 

O segundo dividendo dixital, que levará a cabo do Goberno central nos vindeiros meses, implica que a banda de 700 MHz a través da que actualmente se reciben algunhas das canles de televisión TDT, será ‘liberada’ para que poida ser usada no despregamento do servizo de telefonía móbil 5G. Este proceso será similar ao que xa se realizou en toda a Unión Europea entre finais de 2014 e comezos de 2015 e non vai supoñer, en ningún caso, custos a maiores para particulares. 

Tras a operación de reaxuste, cando os e as usuarias perdan o sinal, deberán realizar a operación de resintonización do seu aparato de TV. En concreto mudarán as canles 54 (que pasa á 37) e a 58 (que pasa á 24) que, segundo o caso, afectarán a La 1, La 2, Canal 24 h, Clan TV, TVG, TVG2 e algunhas emisoras de radio.