O Local de música abre o prazo de inscrición para os ‘bolos online’

13
  • A selección de grupos farase o 13 de xullo e os 10 seleccionados disporán dun saldo de 250 euros para a compra de elementos que melloren a súa proposta artística

Ata o domingo 12 de xullo ás 23:59h permanecerá aberto o prazo de inscrición para participar nos ‘bolos online’ do Local de música. A inscrición deberá realizarse a través do formulario: https://blog.localdemusica.gal/bolos-online-2020/ e a participación está aberta a solistas es bandas con compoñentes con idades superiores aos 16 anos sempre que polo menos un compoñente do grupo estea empadroado no Concello de Pontevedra. Debido ás medidas de seguridade derivadas da Covid-19 o número máximo de persoas integrantes do grupo é de 5 e a matrícula será totalmente gratuíta. 

Os Bolos do local son unha serie de accións formativas orientadas á mocidade que desenvolve actividades musicais en Pontevedra e que, nesta edición, se reformulan e pasan a ser virtuais. Así, os 10 grupos seleccionados disporán dun saldo de 250 euros para a compra de elementos que melloren a súa proposta artística e gravarán cadanseu micro-concerto dentro do Local de música, onde se lles ensinará o proceso de gravación de audio e vídeo. Os 10 grupos seleccionados participarán, ademais, nun proceso formativo e de mentorización, adaptado ao mundo dixital e á nova normalidade. 

O proceso dividirase en: 

  • Formacións: contémplase unha sesión inicial grupal online, onde se repasarán os cambios producidos pola COVID-19 e, posteriormente, segundo o nivel de cada banda establecerase un itinerario formativo atendendo ás súas necesidades e preferencias. 
  • Escola en liña do Local: nova plataforma de formación en liña, con cursos para a comunidade musical, onde se impartirán os itinerarios. 
  • Asesoramento: Os grupos disporán de asesoramento online para as dúbidas que lle xurdan das formacións. Abriranse dúas sesións online grupais, onde os grupos poden preguntar as dúbidas que xurdan das formacións. 
  • Mentorización: Cada grupo disporá dunha sesión online de 2h onde tratar de forma individualizada a problemática propia de cada grupo. 
  • Gravacións de directos: gravacións de micro-concertos dentro do Local de música, con formación específica sobre  proceso de gravación de audio e vídeo. 

O 13 de xullo (no día seguinte de pechar o prazo de inscrición) realizarase a selección de grupos que iniciarán o proceso de formación ata o 31 de xullo. As gravacións das actuacións terán lugar os días 20, 21 e 22 de xullo, e entre o 27 e 31 de xullo emitiranse os vídeos de ditas gravacións.

O Local de Música, pertencente á Concellaría de Xuventude, promove “Os Bolos Online do Local” para apoiar á escena musical emerxente da cidade e poñer en valor a creación musical de base. Os obxectivos deste programa pasan por ofertar unha proposta formativa integral para axudar aos grupos de Pontevedra a estruturar un proceso de traballo e de mellora sobre o proxecto artístico; presentar á comunidade unha mostra da escena musical independente da cidade; e ofrecer aos grupos noveis oportunidades para estar en contacto co mundo profesional, darse a coñecer e desenvolver a súa carreira artística.