Referentes da música, artes escénicas, cociña, deporte e xornalismo para presumir de lingua nos encontros En3vistas

218
  • Trátase de cinco conversas en distintos espazos da cidade entre persoas de recoñecido prestixio nos seus ámbitos profesionais e que actúan como “referentes lingüísticos dunha xeración”
  • Os encontros terán lugar ao longo do mes de xullo e participarán María Mera, Genna Baamonde, Javier Olleros, Kin Martínez, Sabela Ramil, Patricia Hermida, Adrián Ben, Diego Espiño, Cora Velasco e Marcelo DoBode 

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou esta mañá os encontros En3vistas que traerán a Pontevedra a destacados e destacadas profesionais de ámbitos da música, artes escénicas, deporte, xornalismo, e cociña co obxectivo, segundo indicou “de afondar no prestixio da lingua e amosar que o idioma está plenamente vixente en todos os eidos”. 

Oubiña afirmou que as persoas participantes nos encontros “son referentes lingüísticos dunha xeración que están petándoo forte nos seus ambientes de traballo, persoas que desenvolven a súa vida con normalidade en galego e que van falar das súas profesións e comentar as súas experiencias no día a día coa lingua”. Explicou que os encontros, que terán lugar ao longo do mes de xullo, se desenvolverán en diferentes espazos da cidade “para facer visible a dignificación do espazo público para as persoas, que queremos que se empregue con absoluta normalidade ao igual que a lingua que tamén é de todas as galegas e galegos”.

En3vistas terá tres partes. Unha pequena peza de promoción de cada encontro que se emitirá a través da plataforma vinte.praza.gal; cada un dos encontros físicos que se desenvolverá no espazo público; e a transmisión en directo a través de redes sociais e  a gravación que quedará dispoñible nas canles do Concello.

Encontros

  1. Venres 10 de xullo, na praza da Peregrina ás 18h: a actriz (protagonista da primeira serie en galego emitida en Netflix) María Mera conversará coa dramaturga (gañadora do María Casares pola dirección escéncia de ‘Marcela e Elisa’) Genna Baamonde
  2. Luns 13 de xullo, na rúa Serra ás 18h: o cociñeiro galardoado cunha estrela Michelín Javier Olleros conversará co produtor musical Kim Martínez
  3. Venres 17 de xullo, no parque dos Gafos ás 20h: a cantante que participou en Operación Triunfo (a primeira que cantou unha canción en galego neste programa) Sabela Ramil conversará coa manager musical e fundadora da Asociación Mulleres na Industria da Música, Patricia Hermida
  4. Luns 20 de xullo, na avenida de Santa María ás 20h: o atleta e medallista europeo Adrián Ben conversará co xornalista especializado en deporte Diego Espiño
  5. Vernes 24 de xullo, na Ponte do Burgo ás 20h: a música alternativa e indie Cora Velasco conversará co músico de fusión tradicional e de vangarda Marcelo DoBode