Medio Natural nutrirá con 215.000 € o seu orzamento para afrontar os gastos de limpeza de zonas verdes e de xogo, o parque canino e varias asistencias técnicas

28
  • Uns 105.000 € destinaranse a facer fronte ao incremento dos gastos de conservación e mantemento de espazos verdes e parques infantís motivado polas necesidades sanitarias da Covid-19
  • A Concellería que dirixe Iván Puentes dedicará 60.000 € a asistencias técnicas, esencialmente para proxectos de obra, e 50.000 á crear o parque para cans e restaurar dúas pasarelas no Gafos

A crise sanitaria provocada pola Covid-19 tradúxose nun incremento excepcional do gasto para a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que redobrou esforzos para a conservar as zonas verdes e parques en boas condicións durante o estado de alarma, evitando así a aparición de posibles focos de infección, e que agora terá que facer fronte ás novas esixencias de mantemento, limpeza e desinfección da nova normalidade. Por este motivo, o departamento que dirixe Iván Puentes nutrirá o seu orzamento para 2020 dunha achega de 215.000 euros, 110.000 a través da modificación de crédito que o Goberno Local levará nestes días a Comisión de Facenda e 105.000 pola vía da transferencia.

Tal e como explica o edil socialista, a meirande parte destes cartos (eses 105.000 euros), destinarase precisamente “a cubrir o incremento do gasto corrente na conservación e mantemento de espazos verdes (incluídas as podas e desbroces) e parques de xogo” e as novas necesidades de limpeza que trouxo consigo a pandemia. A Covid-19 tamén aumentou substancialmente os requirimentos de documentación técnica para o desenvolvemento e materialización de plans de traballo, un apartado que o concelleiro Iván Puentes fortalecerá con 60.000 euros para a prestación de asistencias técnicas. “Esencialmente -matiza Puentes- para a redacción de proxectos de obra como a rexeneración das marxes fluviais do Lérez, un estudo coa Universidade sobre as zonas verdes da cidade na nova normalidade e o plan para o novo parque infantil de Pasarón”.

Asemade, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural reservará unha achega de 50.000 euros a investimentos, en concreto para suplementar as partidas xa reservadas á creación dun parque canino nunha parcela duns 4.300 metros cadrados nos antigos terreos de Tafisa (contratado á empresa Naturgalia SL por 47.849,69 euros) e á reposición dunha pasarela de madeira no río dos Gafos, á altura da parroquia de Tomeza, así como o arranxo doutra próxima ao ximnasio Budo.